O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe das actuacións executadas ou en marcha nas parroquias de Santiago, con cargo tanto a fondos municipais como ao programa PAS 2015 da Deputación da Coruña. En total, nas últimas semanas lévanse investidos no rural case 300.000 euros, que se suman aos máis de 500.000 xa executados con cargo ao POS 2015.
Rafael Peña insistiu en que “é vontade do Goberno continuar cos pequenos investimentos nas parroquias, ás que se este ano se volverán destinar integramente os fondos procedentes da Deputación da Coruña no marco do programa POS-Plus 2017”.
Entre os traballos que arrancaron nestes días, o concelleiro de Medio Rural destacou a remodelación do trazado viario no lugar de Marzo de Arriba, na parroquia de Grixoa. O obxectivo é eliminar unha curva na que se veñen producindo numerosos accidentes, con vehículos que acaban chocando sempre contra a o muro de peche da mesma vivenda. Nesta actuación vanse investir algo máis de 50.000 euros, procedentes do PAS 2015 da Deputación da Coruña.
Tamén con cargo a este programa provincial, nesta semana comezaron as obras de ampliación do saneamento no lugar de Sionlla de Arriba. O proxecto beneficiará nesta primeira fase a 15 vivendas, pero está previsto poñer en marcha unha segunda fase para estender a conexión a cinco vivendas máis. O custo da actuación é de case 50.000 euros. O terceiro dos proxectos do PAS 2015 que está iniciado é o da posta en valor de varias fontes e lavadoiros do rural, cun orzamento de case 40.000 euros. Xa están executados os traballos en dúas fontes das parroquias de Aríns e Sabugueira.
Orzamento propio
Xa con cargo aos orzamentos municipais, nesta semana arrancaron os traballos para a eliminación de escorrentías no lugar de Moas de Abaixo, na parroquia de Figueiras. Rafael Peña explicou que se destinarán 45.000 euros a este proxecto, “que pretende acabar cos continuos asolagamentos que padecían os veciños desta aldea cada vez que chegaba o mal tempo”.
Tamén se están ultimando as obras de mellora do Centro Sociocultural de Verdía, e xa están executados os traballos de acondicionamento do local da parroquia de Marantes. Neste caso, destináronse 40.000 euros a un proxecto que incluíu a mellora dos accesos, a reparación da cuberta e dos solos interiores, a instalación dun novo baño, e o acondicionamento dun acceso á carballeira situada ao carón do centro. Tamén se acondicionou a pista polideportiva da parroquia.
Próximas actuacións
Nas próximas semanas tamén comezarán os traballos para mellorar a iluminación nas parroquias de Busto, Figueiras, A Gracia, Grixoa e A Peregrina, cun orzamento de case 80.000 euros. O concelleiro de Medio Rural adiantou que finalmente se poderá actuar nas restantes parroquias do rural, onde a empresa concesionaria da iluminación se encargará de repoñer todas as luminarias de mercurio.
Ademais, lembrou que a Xunta de Goberno iniciou o pasado venres os procedementos de licitación de dous proxectos de mellora da pavimentación en parroquias do rural, vinculados ao POS 2016 da Deputación da Coruña. O primeiro paquete inclúe obras en Santa Cristina de Fecha, Grixoa, Verdía, Nemenzo, Busto, Barciela, Cesar, Carballal, San Caetano e Laraño, por un orzamento dalgo máis de 200.000 euros. No segundo figuran obras en Enfesta, Villestro e O Eixo, por 170.000 euros.
Proximamente iniciarase o procedemento para os traballos nas parroquias de Busto e Marantes, por 180.251,87 euros; e en viarios de Sabugueira, Figueiras e Marrozos, por 212.274,09 euros. Tamén sairán a licitación próximamente as últimas actuacións do POS 2015: a ampliación do ancho de viario en Marrozos, nos Lugares da Cañoteira-Outeiro, cun orzamento de 380.000 euros; e o proxecto de mellora e rehabilitación de pavimentos en viarios das parroquias de Villestro, O Eixo e Aríns, por algo máis de 160.000 euros.
Por último, Rafael Peña avanzou a vontade do Goberno local de destinar integramente ao rural de Santiago os fondos do plan unitario POS-Plus da Deputación da Coruña. O concelleiro sinalou que a Compostela corresponderanlle desta convocatoria uns dous millóns de euros, “que permitirán seguir avanzando na mellora da situación das parroquias do noso Concello”.