O Concello convoca tamén o VII Concurso de Fotografía “Muller traballadora”, aberto a persoas das comarcas de Ordes e Santiago
A fotografía volverá ser a protagonista da conmemoración do Día Internacional da Muller no Concello de Oroso, aínda que este ano o será por partida dobre xa que ao tradicional concurso de fotografía se sumará este ano a organización da exposición fotográfica “Homenaxea ás mulleres”. Unha mostra que recollerá imaxes antigas de mulleres traballadoras de Oroso e que será inaugurada coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller.
A concelleira de Muller, María del Carmen Liste, explica que “o obxectivo é homenaxear ás nosas mulleres que levan toda unha vida traballando e que os seus familiares poidan explicarnos que fixeron e o que significa para eles, polo que convidamos a todos os veciños e veciñas do municipio a colaborar connosco achegando as súas fotografías para a exposición, co noso compromiso de que as imaxes serán ben tratadas e devoltas aos seus propietarios ao rematar a mostra”. Así, todos os que desexen colaborar poden achegar as súas fotografías no Centro Cultural de Sigüeiro, en horario de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 21:00 horas, antes do 24 de febreiro.
Concurso de fotografía
Así mesmo, o Concello de Oroso convoca a sétima edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame aberto a todos os veciños e veciñas das comarcas de Ordes e de Santiago de Compostela, sexan profesionais ou afeccionados. A única esixencia para participar é que a temática das imaxes debe xirar en torno a situacións que reflictan o traballo das mulleres en calquera eido.
Despois do éxito acadado na edición anterior, o concurso mantén a súa categoría infantil, con tres premios consistentes en vales de agasallo valorados en 100, 60 e 40 euros. Na categoría xeral, o Concello de Oroso mantén as cantidades dos premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados. Con todas as fotografías, o Concello de Oroso organizará unha exposición, que poderá visitarse durante o mes de marzo no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa. As fotografías, cun máximo de tres por participante, deberán presentarse na Biblioteca Municipal de Sigüeiro antes do 24 de febreiro.
As bases do concurso recollen a obriga de estar presente no acto de entrega de premios, que se celebrará o 8 de marzo, ás 19:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. No caso de non poder asistir, poderase delegar noutra persoa. As fotografías deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos. O seu formato será de 20 x 30 centímetros, en cor ou en branco e negro, e presentaranse sen montar, sen paspartú, sen marco nin cristal. As bases do concurso prohiben expresamente o uso de calquera programa de retoque fotográfico.
Cada fotografía levará un título escrito por detrás, canda o pseudónimo que indique o autor ou autora. Nun sobre pechado co pseudónimo e a categoría na que concursa escritos por fóra, o fotógrafo/a achegará os seus datos persoais (nome e apelidos, NIF, enderezo e teléfono) así como un CD coa foto en formato dixital. Todas as bases do concurso poden descargase da web municipal (www.concellooroso.com).