Mofa e Befa inauguran mañá sábado 8 de novembro o programa de actuacións teatrais programadas polo Concello de
Brión no Outono Cultural coa súa obra “Shakespeare para ignorantes”, un espectáculo influído pola poética de Víctor Mosqueira, a pragmática de Evaristo Calvo e a épica de Quico Cadaval. A actuación terá lugar no centro social polivalente de Pedrouzos, ás 20:30 horas. A entrada é libre e de balde.
“Shakespeare para ignorantes” recolle material procedente de pezas do famoso autor (“Macbeth”, “Ricardo III”, “Pericles, príncipe de Tiro”, “El Rey Lear”, “Hamlet”, “Julio César”, “Romeo y Julieta”, “Otelo”, “Como gustéis”, “Cimbelino” e “Medida por medida”) pero baixo a peculiar visión de Mofa e Befa, que as utilizarán como base para ofrecer unha visión humorística dos problemas da vida actual. A obra simula unha conferencia dun prestixioso profesor que pide a colaboración de dous actores para representar as súas teses, momento no que a vis cómica de Mofa e Befa aproveitará para amosar a risa máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos e as vilanías máis astutas contidas na obra de William Shakespeare. Así, no canto de apostar polas personaxes coñecidas polo público, Mofa e Befa tirarán de asasinos, mendigos, bufóns, cornudos, chivatos, chulos e oportunistas que sempre aparecían nun segundo plano pero que en “Shakespeare para ignorantes” saltan ao primeiro plano.
O programa de actuacións teatrais programado polo Concello de Brión inclúe outras tres actuacións nas próximas semanas a cargo de Teatro de Cámara Ditea (15 de novembro), Teatro do Morcego (22 de novembro) e Boneca Lareta (20 de decembro). Todas elas terán lugar no centro social polivalente de Pedrouzos e serán de entrada libre e de balde.