Saturday 23 de November de 2024

Un grande mural do artista Carlos García poralle o ramo ás obras de remodelación de Currás


As obras de remodelación do contorno da piscina e da área recreativa de Currás, en San Sadurniño, están prácticamente rematadas. Máis que un reacondicionamento estético o que alí se fixo nos últimos meses foi unha transformación completa do contorno para mellorar a accesibilidade e ampliar a superficie destinada ao lecer, co obxectivo de que a zona se poida empregar todo o ano e non só durante o verán. Á parte construtiva están dándoselle os últimos retoques e esta mesma semana entraron en escena Carlos García e Marina Goti, 2 Duendes, que rematarán a intervención pintando un grande mural en todo o longo das bancadas do campo de fútbol.

O deseño medirá exactamente 30 metros de longo por 6 de alto e será unha das maiores obras nas que se ten embarcado a empresa. “Temos feito murais de ata 8 metros de alto, pero ningún tan longo coma este”, explicaba esta mañá Carlos, embozado até as orellas para salvar o frío que ía á sombra das bancadas do estadio municipal.

Unha obra así supón varios retos. O primeiro é trasladar á parede o boceto feito no bloc de debuxo. García faino a ollo, sen ferramenta de medida algunha e valéndose só do don innato que ten para a pintura, a escultura e calquera arte manual que se lle poña diante. “Cada pouco está baixando do andamio para ir até a piscina e ver desde alí como vai quedando”, comenta Marina, quen se ocupa da loxística e tamén de axudarlle a García no pintado.

O andamio supón, precisamente, outro reto. “É un problema”, asegura Marina, xa que ter só unha estada obriga á parella de duendes a ir pintando o mural tramo a tramo en vez de trazar o debuxo dunha soa vez e despois darlle cor.

Pero, ¿que se vai reflectir nesa obra de 180 m²?… incluso de máis de 180 m², posto que tamén se vai estender á parede exterior da cantina do campo de fútbol. Nin Carlos García nin Marina Goti queren dar moitas pistas sobre o deseño que xa se empeza a revelar en Currás e que foi acordado previamente co goberno local a partir de varias propostas. Segundo os artistas será algo “centrado en San Sadurniño” e, tal e como vimos no boceto polo rabo do ollo, mostrará unha alegoría do deporte, da cultura, da historia e da paisaxe local. “E tamén algún duende”, puntualiza Carlos, marca indiscutible da casa.

Descubriremos a obra de Carlos García e Marina Goti á volta de dúas semanas, prazo no que estiman tela rematada “se o tempo acompaña” e se non hai imprevistos.

O que si se pode ver xa é como quedou o resto da área recreativa. O Concello desenvolveu nos últimos tres meses unha profunda remodelación do contorno da piscina que atendeu a varios aspectos, relacionados todos eles coa finalidade de converter o recinto nun lugar que se poida utilizar durante todo o ano e non só no verán..

O primeiro que se fixo foi ampliar o espazo de lecer a unha leira anexa que anteriormente se empregaba como aparcadoiro, onde se instalaron merendeiros cubertos e se trazaron novas sendas. O segundo foi a construción dunha pista multixogos ao carón do edificio dos vestiarios e da cantina da piscina, onde tamén se fixeron labores de conservación. A terceira actuación ocupouse do acondicionamento como aparcadoiros da banda leste do campo de fútbol e da superficie a distinto nivel que hai no acceso ao recinto. O cuarto e último bloque das intervencións municipais centrouse na mellora da accesibilidade e na ampliación do equipamento para xogos infantís e mesmo para a práctica informal de deportes como o fútbol ou o volei.

Por outra banda tamén se aproveitou para dotar a piscina de hamacas de madeira e de dotar todo o complexo dun acceso pola banda sur do campo de fútbol. O proxecto das obras, cifrado para a contratación en algo máis de 135.000 euros, está financiado con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.