O Concello de Riveira informa do arranque das obras de remodelación do campo de fútbol da Guía en Carreira: unha actuación incluída no Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016 da Deputación Provincial da Coruña.
Os traballos están sendo executados pola empresa Canarga. O seu orzamento ascende a 207.219 euros, IVE incluído, e o prazo de execución ascende a 25 días naturais.
Cómpre lembrar que Concello e Atlético Carreira alcanzaron no 2015 un acordo en virtude do cal este último lle cede ao ente local o campo da Guía co compromiso de realizar unha serie de obras que son as que se reflicten no proxecto técnico elaborado polos servizos técnicos municipais e agora se están executando.
Céspede artificial
Así, o que se persegue é a dotación ao campo de fútbol de céspede artificial (tanto no terreo de xogo como na zona perimetral de seguridade), ademais de instalar unha rede para drenaxe e outra de rego automático.
Unha vez concluídas estas obras, colocarase unha barandilla perimetral, porterías regulamentarias homologadas para fútbol 11 e fútbol 7, así como nos banderíns nas catro esquinas do terreo.