Friday 22 de November de 2024

Xa hai data para a estrea das curtas do 3º Chanfaina Lab de San Sadurniño


Anotade nas vosas axendas esta cita: sábado 11 de febreiro, 18.30h., Casa da Cultura. Son os datos correspondentes á estrea das curtametraxes do Chanfaina Lab 2016-2017, a terceira edición do encontro audiovisual que reuniu en San Sadurniño a primeiros de setembro un nutrido grupo de creadores e creadoras para retrataren o municipio e/ou a súa xente. Son máis dunha vintena entre visitantes e xente da casa. Parte deles e delas teñen xa listas as súas pezas, e outra parte anda estes días compoñendo e aquelando as curtametraxes que se estrean ese día en pantalla grande e que, despois, irán botándose cada venres de unha en unha na canle de youtube do proxecto.

De momento só se saben as liñas argumentais xenéricas que cada equipo foi desvelando durante a fin de semana de gravación do pasado mes de setembro. Sábese que haberá de novo diversidade de xéneros -ficción, documental, cine experimental, etc.-, multiplicidade de formatos -vídeo, cine DSLR, cine dixital, super 8, etc.- e, sobre todo, variedade temática.

Así, por exemplo, houbo quen tirou polo humor botando man dunha muller obsesionada coas verzas, quen se detivo coas texturas da pel humana, quen optou por recrear o universo máxico de Cunqueiro, quen se obstina en reflectir o movemento da natureza arredor do ser humano inmóbil e quen conseguiu converter a cámara nun sorprendente catalizador para que diante dela aflorasen sentimentos persoais e afectos que sempre estiveran aí pero que as súas protagonistas nunca se atreveran a deixar saír, a dicirse á cara.

Volve, polo tanto, o cine feito en San Sadurniño e con San Sadurniño como protagonista. A terceira edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab estreará o sábado 11 de febreiro a partir das 18.30h. a práctica totalidade das pezas filmandas en setembro de 2016.

Asistirán boa parte dos realizadores e realizadoras participantes, que presentarán en quendas as súas historias sobre o territorio, a historia, a xente e, en definitiva, a súa mirada particular sobre este micromundo que é o noso concello.

A entrada é gratuíta e, trala estrea na pantalla grande da Casa da Cultura, os filmes irán subíndose á canle de youtube do proxecto, ademais de comezar a circular por certames e festivais de dentro e fóra de Galicia. Este ano o Chanfaina conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

En paralelo, desde o 2 até o 12 de febreiro a Casa da Cultura tamén exporá unha retrospectiva sobre as edicións de 2014 e 2015 con imaxes captadas polo fotógrafo Gabriel Tizón.