O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou aos alumnos, acompañado polos alcaldes José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey Martínez
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos participantes no obradoiro de emprego Ordes-Frades, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración con ambos os dous Concellos. No acto Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey Martínez. O obradoiro de emprego de Ordes-Frades conta con 20 alumnos-traballadores e cinco profesionais que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas dos dous municipios. Con este fin a Xunta achegou 179.134,20 euros.
O proxecto formativo actúa no acondicionamento e mellora do local social de Buscás e a súa contorna, do local social de Santa Cruz de Montaos, e da escola unitaria do Cabezo. Tamén acomete o mantemento e conservación da parcela e o parque infantil sito entre a rúa de Frades e a rúa de Cerceda, do Paseo Ramiro Recouso Liste, da área do local social de Alazo, da área da Presa-Ledoira, da contorna do campo de fútbol de Vitre, e da área recreativa da piscina municipal de Papucín. O obradoiro forma aos alumnos-traballadores nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.
Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Ao remate do obradoiro tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.
O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de 5.328.130,7 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.
Ovidio Rodeiro fixo especial incidencia na importancia da colaboración entre concellos para poñer en marcha estes obradoiros. “O entendemento entre os concellos de Ordes e Frades serve para potenciar as oportunidades que se lles ofrecen aos desempregados e multiplican o esforzo que neste sentido fai a Xunta de Galicia”, indicou o delegado territorial. Dentro da comarca de Santiago, Ames e Brión, pioneiros na organización de talleres conxuntos, forman a 95 persoas. Ademais do plan InserAmes-Brión, desde setembro está operativo RenovAmes, con 15 alumnos de ambos os concellos que se forman como instaladores de equipos de biomasa. Ao tempo, o plan Accede, con 20 contratos, deseña melloras na accesibilidade para varios espazos públicos.
O resto dos talleres financiados na área compostelá teñen en común unha matrícula de 20 alumnos por cada municipio beneficiario. O programa de Vedra e Boqueixón especializa ao persoal en tarefas de carpintería e xardinería. O proxecto do Pino e Touro aposta pola rama forestal. A comarca de Sar, co seu plan Terras de Iria e Melide, adícase mellorar a contorna do río Furelos. A Baña, Santa Comba, Val do Dubra e Negreira tamén comparten un plan, que inclúe a formación para coidados a domicilio. A capital xalleira ten outro taller con Mazaricos e Dumbría vinculado á recuperación dun tramo do Camiño.