Trátase dunha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar estadías titorizadas en centros de traballo
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada polo alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, participou na entrega dos diplomas acreditativos aos 24 mozos e mozas participantes no proxecto promovido polo Concello de Laracha no marco da convocatoria do 2016 do programa Deseñando o teu futuro.
Trátase dunha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación dos mozos e mozas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias-visitas en distintos sectores das empresas.
O proxecto contou coa colaboración do IES Agra de Leborís e da Asociación de servicios, comercio e industria da Laracha (ASCIL). Os 24 mozos e mozas participantes, 10 mozos e 14 mozas, realizaron as súas estancias visitas de 15 días de duración, cunha xornada diaria de 4 horas, en empresas de diversos sectores: agrícola-gandeira, industria manufactureira, hostalería, sanitario, construción, comercio, entre outros. Concretamente, as empresas da comarca na que os mozos e mozas realizaron a súa estancia visita foron: Café bar Guadalupe; Panadería Ramiro; Seragra, S.L.; Mariscos del Noroeste, S.A. Marenor; Mosquera e Hijos, S.C.; Casa Cachadesa; J. Esmoris e Hijos, S.L.; Frayfe Motor, S.L.; Café bar Sara; Perruquería Sandra; Café bar O Noso; Viveiros Amado; Ferretería Carballido; Perruquería J Vázquez; Clínica Veterinaria Xarope; Café Park Payne; Farmacia Mª Jesús Pereiro; Confitería A´Balsa e a Aula Lúdica Municipal.
Na entrega de diplomas os mozos e mozas participantes estiveron acompañados polos/as empresarios/as en cuxas empresas realizaron as súas estancias visitas.
O proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado contou cun orzamento de 3.800 euros para un total de 20 mozos/as, facéndose cargo o Concello da Laracha dos custes da participación dos restantes 4 mozos. Polo que o importe total deste proxecto superou os 4.000 euros de orzamento.
A titular do departamento autonómico sinalou que no marco deste programa no 2016 se financiaron 13 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitaron que un total de 351 mozos e mozas realicen estadías visitas en empresas. “Esta iniciativa ofrécelle aos mozos e mozas alternativas para aprender a aprender, fomenta o seu autocoñecemento. Motívaos para a continuación da súa formación e actualización de competencias e habilidades”, declarou Cecilia Vázquez, que engadiu que “este programa sirve para que os mozos e mozas adquiran coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación académica e profesional”.
“A finalidade deste programa é ofrecer á mocidade unha experiencia de educación non formal, poñer a súa disposición unha ferramenta que lle facilite e ou clarifique a toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para que coñezan a realidade da empresa previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional”, asegurou a directora xeral, quen rematou a súa intervención lembrando que “a participación neste programa xera o dereito a expedición do certificado de experiencias de educación non formal, que permite validar as competencias e darlle visibilidade aos coñecementos, habilidades e formación derivados desa participación, en tanto que contribúen ao desenvolvemento persoal dos participantes, enriquecen o seu currículo vital e favorecen a participación activa na sociedade”.
As estadías visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 30.
A cantidade subvencionable a cada entidade e concello calculouse a razón de 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.