Friday 22 de November de 2024

O Plan de Transporte Metropolitano permitiu bonificar en 2016 case 14 millóns de viaxes nas áreas da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo


O programa de transporte público que promove a Xunta en colaboración cos 64 concellos galegos rexistrou o pasado ano un incremento de viaxes de case un 9% con respecto ao ano 2015

O Plan de Transporte Metropolitano permitiu o pasado ano 2016 case 14 millóns de viaxes bonificadas en Galicia, o que supuxo que un importante beneficio para os veciños das áreas da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo. O programa de transporte público que promove o Goberno galego en colaboración cun total de 64 municipios rexistrou o ano pasado un incremento de case o 9% con respecto ao ano anterior.

No que se refire aos desprazamentos no marco do Plan de Transporte Metropolitano, a área da Coruña rexistrou en 2016 a cifra máis elevada coa contabilización de algo máis de 6 millóns de desprazamentos. A área de Santiago albergou o pasado exercicio uns 2,7 millóns de viaxes, seguida da de Vigo, con 2,6 millóns de desprazamentos, e Ferrol, con 2,2. Na área de transporte metropolitana de Lugo se realizaron 140.000 viaxes ao abeiro do Plan de Transporte Metropolitano.

Esta iniciatvia sumou o pasado exercicio un importante número de novos usuarios, como demostra a distribución de preto de 52.000 Tarxetas de Transporte Metrpolitano, sendo A Coruña a provincia na que máis dispositivos de cobro novos se expediron, contabilizándose máis de 36.500. Nesta provincia, os concellos da Coruña, Santiago, Ames, Ferrol, Oleiros, Cambre ou Culleredo foron os núcleos onde máis tarxetas se adquiriron.

Na área de transporte metropolitana de Vigo distribuiuse un total de 13.715 ao longo do ano 2016, sendo os concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela e Nigrán os que rexistraron un maior volume de novos dispositivos expedidos.

Tarxeta Xente Nova
Por outra banda, preto de 32.000 menores de 19 anos fixéronse o ano pasado coa tarxeta ‘Xente Nova’ da Xunta, coa que se poden beneficiar do transporte metropolitano gratis. As áreas da Coruña, Vigo e Santiago rexistraron as cifras máis elevadas en canto a distribución destes dispositivos, con 11.582, 7.712 e 5.860 respectivamente.

No que se refire aos concellos nos que máis tarxetas Xente Nova se adquiriron, cómpre destacar Vigo, con 3.051; A Coruña, con 2.643; Ames, 1.871; Ferrol, 1.853; ou Santiago, 1.641. No seguinte cadro amósanse os dez municipios nos que máis dispositivos se distribuíron.

CONCELLO TARXETAS
VIGO 3051
A CORUÑA 2643
AMES 1871
FERROL 1853
SANTIAGO DE COMPOSTELA 1641
OLEIROS 1501
CULLEREDO 1377
ARTEIXO 1316
NARON 1261
CANGAS 1219

Cómpre lembrar que o programa Xente Nova, activado polo Goberno galego o pasado verán, supón a implantación dunha nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que será de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por usuario.

O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

As principais vantaxes do plan de Transporte Metropolitano de Galicia residen nos descontos entre o 30 e o 50% nos desprazamentos interurbanos, transbordos gratuítos co transporte urbano, o 15% de bonificacións no caso dos usuarios habituais, favorecendo máis aos cidadáns que máis usan o transporte, ou bonificacións do 20% ao 50% para familias numerosas.

Coa posta en marcha do Plan a comunidade galega dotouse dun sistema de transporte no que os galegos ademais de obter importantes bonificacións no prezo do billete, tamén poden disfrutar das vantaxes que lles ofrece un sistema de transporte público eficiente que permite a liberación de espazo físico no centro das cidades; reduce a contaminación; e contribúe á desconxestión e a unha maior fluidez nos tráficos.

A Xunta continúa traballando nun dobre obxectivo: por unha parte, expandir o modelo ás áreas de Ourense e Pontevedra, completando deste xeito o mapa do transporte metropolitano nas sete cidades galegas; e ampliar os beneficios do Plan de Transporte Metropolitano nas áreas nas que xa está implantado, facendo extensivo o modelo aos concellos que o soliciten.