Saturday 16 de November de 2024

Comezan as obras da rede de camiños da concentración parcelaria de San Vicenzo de Curtis, no concello de Vilasantar, nas que a Xunta inviste máis de 1,5 millóns de euros


A actuación supón a intervención sobre unha rede de 45 camiños de máis de 26,6 quilómetros, 11,6 deles de novo trazado, e beneficia a 469 propietarios

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado do alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández, comprobou esta mañá o arranque das obras da rede de camiños principais da concentración parcelaria da parroquia de San Vicenzo de Curtis.

A nova rede, de 45 camiños, nos que a Consellería do Medio Rural investirá máis de 1,5 millóns de euros, conta con 26,7 quilómetros de lonxitude, 11,7 deles de novo trazado, que darán acceso aos novos predios, destinadas a labrado, prado e monte. A superficie total da zona da actuación é de 1.112 hectáreas e conta con 3.666 parcelas pertencentes a 469 propietarios. As parcelas resultantes terán unha media de 23.700 metros cadrados.

O investimento previsto ascende a 1.561.911,27 millóns de euros, aos que se suman 1.481.137,80 euros reservados para a parroquia de San Salvador de Barbeito, no mesmo concello. Durante este acto, o delegado territorial da Xunta na Coruña insistiu en que o desenvolvemento deste tipo de procesos de concentración parcelaria son “fundamentais para o despegue socio-económico do campo galego”, xa que “permiten o a redistribución das explotacións agrarias, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción”.

Ovidio Rodeiro destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último do grande investimento que a Xunta de Galicia está a realizar nesta zona radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

A Xunta desembolsou máis de 170.000 euros en asistencias técnicas na parroquia de San Vicenzo de Curtis. Ovidio Rodeiro informou de que, unha vez finalizado este proceso, a porcentaxe das propiedades concentradas no concello de Vilasantar roldará o 65% do territorio. Así, está xa rematada a concentración nas zonas de Armental e Mezonzo, sumando un total de 1.586 hectáreas. Ademais de San Vicenzo de Curtis, atópanse en fase de execución Barbeito (1.000 ha.), composta por 1.771 parcelas e 407 propietarios. O investimento feito ata agora nesta parroquia ascendeu en 229.000 euros e serviu para sufragar as asistencias técnicas correspondentes.