Friday 22 de November de 2024

O proxecto LÓVA do CPI San Sadurniño, finalista nun concurso estatal de boas prácticas educativas


A Asociación “Mejora tu Escuela Pública” convocou a VII edición do seu concurso de Boas Prácticas Educativas, no que podían participar as experiencias levadas a cabo durante o curso 2015-16 en centros públicos do Estado Español. O CPI San Sadurniño presentou ao concurso o Proxecto Lóva -La Ópera como Vehículo de Aprendizaje- desenvolvido durante o curso 2015-2016 en quinto de infantil e quinto de primaria, consistente na formación dunha compañía musical para crear e producir unha ópera orixinal. Ao certame presentáronse 240 centros de todo o Estado e aínda que non foi un dos centros premiados, o traballo “Unha ópera na escola. Proxecto Lóva. CPI San Sadurniño” aparece na acta como un dos oito traballos finalistas dentro da modalidade A – Centros de Infantil, Primaria e Educación Especial.

Segundo informan desde o centro de ensino, na acta do xurado do 12 de xaneiro de 2017 faise referencia á grande calidade dos traballos presentados nesta convocatoria e que o proxecto do CPI de San Sadurniño , igual que os outros finalistas, “é merecedor de recoñecemento público e así contribuír á difusión e posible réplica destas prácticas noutros centros, para a contribución e mellora da calidade da escola pública”

Co proxecto Lóva unha clase convértese nunha compañía de ópera e emprega o curso enteiro a crear unha ópera ou breve musical. O alumnado organizado en profesións escribe o libreto, deseña e constrúe a escenografía, compón a música, crea o vestiario, fai a publicidade, recada fondos, crea a iluminación… En definitiva, crea, produce e ao final representa unha ópera ou musical enteiramente orixinal e sen axuda de persoas adultas, aínda que si baixo a mirada atenta do profesorado durante todo o proceso.

“É un proxecto de aula que dura todo o curso e ao que se lle adica unha boa parte do horario semanal e no que a clase vive unha experiencia inesquecible a partir do traballo coas emocións”, comentan desde o colexio. É “un proceso complexo” que comeza formando compañía a través de dinámicas e actividades diversas que van desde as propias de calquera compañía de ópera ata aprender a expresarse, acatar ordes, traballar en equipo, tomar decisións con criterio, escoitar ao resto, ter empatía, reflexionar, aprender dos erros… “e todo integrado no currículo coincidindo cos obxectivos educativos que ao estar interconectados cobran profundidade porque todo o que se fai ten sentido e o que se aprende se aplica en situacións reais que achegan habilidades para a vida e permiten acadar as competencias”.

Tal e como sinala a nota remitida polo colexio, a ópera “é un pretexto e o realmente importante acontece cada día. A énfase no proceso está por riba do produto final. “O espectáculo está na aula”. É un proxecto de educación emocional para a vida en sociedade. O alumnado aprende -e tamén o profesorado- que é posible o que parece imposible. É unha metáfora para toda a vida”.

O proxecto Lóva comenzou a desenvolverse no CPI de San Sadurniño no curso 2013-14 nas clases de quinto de primaria e 3º de ESO. No curso seguinte levouse a cabo en sexto de primaria e 3º da ESO. No curso pasado en quinto de primaria e sexto de infantil. No presente curso o colexio continúa co proxecto en quinto de primaria, que xa leva traballando varios meses no seu próximo musical.