Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame inviste 43.000 euros na mellora dos accesos a San Xusto e Fontefría


O Concello de Lousame investiu un total de 43.420 euros na mellora dos accesos ás localidades de San Xusto e Fontefría, na parroquia de San Xusto de Toxosoutos. Unhas obras que consistiron na reparación de fochancas e mellora da capa de rodaxe das estradas de acceso a ambas localidades con cinco centímetros de aglomerado en quente dun total de oito treitos de 2.915 m2 de superficie.

A actuación de maior envergadura tivo lugar nos accesos a San Xusto, onde se actuou sobre seis treitos que suman unha superficie de 2.190 metros cadrados. Aló se mellorou a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Así mesmo, fixéronse 201 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, previa canalización dunha tubería de PVC e a construción de seis arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.

No caso dos accesos a Fontefría, a actuación mellorou a capa de rodaxe de dous treitos de 725 metros cadrados de superficie e permitiu tamén anchear a estrada de acceso á localidade. En total, executáronse 75 m2 de sobreanchos, tamén con cinco centímetros de aglomerado en quente como a obra en San Xusto. No caso de Fontefría executáronse 46 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, previa canalización para a recollida de augas pluviais e construción de tres arquetas con sumidoiro.

Trátase dunhas obras contempladas nos Orzamentos do Concello de Lousame para 2016, que recollía unha partida de 457.199 euros para investimentos en materia de reparación de vías públicas e melloras nos accesos aos núcleos de poboación.