Trátase dunha das novidades que establece o novo convenio marco que fixa uns ingresos estimados de máis de 100 millóns de euros para os xestores dos residuos e dos sistemas de recollida
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro delegado de Ecoembes, Óscar Martín, mantiveron unha reunión para repasar as principais novidades do convenio marco entre a Xunta de Galicia e Ecoembes (Ecoembalajes España) e cuxa vixencia se prolongará ata o vindeiro ano 2021.
Entre as principais melloras introducidas no texto do convenio, respecto do anterior, destaca o establecemento de pluses por boa xestión para aqueles concellos adheridos a Ecoembes que impulsen medida a prol da reciclaxe e a recuperación de envases. É dicir, actualizase de forma gradual as ratios de referencia para acceder aos compensacións por boa xestión, co fin de compensar a aqueles traballen a prol da reciclaxe e recuperación.
En definitiva, o novo texto mellora substancialmente a totalidade do proceso- operativa e inclúe as demandas das entidades locais, xestores de plantas de selección, recuperadores/recicladores, e da Xunta de Galicia, ademais da actualización dos parámetros que serven de base para o pago e dunha maior experiencia.
En relación cos ingresos estimados, calcúlase que para os próximos 5 anos ascenderían a 102 millóns de euros, tendo en conta os datos económicos do convenio anterior –e mantendo as mesmas condicións para o actual período de vixencia- estimase que co novo convenio os ingresos incrementaríanse en máis de 400.000 euros/ano, é dicir, 2 millóns de euros máis respecto do anterior.
Outras das melloras que se introducen son que o cálculo da variación dos prezos de combustible mensualízanse e tamén se definen melloras técnicas e dos procedementos de recollida, coa finalidade de incentivar a participación dos usuarios e que redunden nun incremento da aportación e da recollida de envases; así como aspectos relacionados coa facturación das entidades locais e as ferramentas informáticas á súa disposición, coa finalidade de axilizar os pagamentos.
Especificidades para Nostián e Barbanza
Por outro lado, o novo convenio introduce especificidades para as plantas de Nostián e Barbanza. Para o modelo presente na Coruña e no Consorcio das Mariñas, o convenio recolle unha inversión de 600.000 euros na mellora da planta de selección de envases que redundará nun incremento superior ao 15% do material recuperado na actualidade e garante que -se os investimentos non acadan o resultado esperado- os ingresos non se verán mermados.
No caso da planta de Lousame, garántese o pago dunha contía de 100.000 €/ano orientadas á mellora da eficiencia na recollida selectiva e a recuperación de envases.
Natureza do convenio
Estas achegas aos concellos adheridos realízanse por conceptos como a recollida, selección, transporte, comunicación, e para as plantas de tratamento de residuos domésticos (Sogama, Nostián e Barbanza), importe que se pode incrementar canto máis se melloren os datos de reciclaxe. Nese sentido, o novo texto mantén a aposta pola incidencia da educación ambiental para achegar aos cidadáns a necesidade e tamén a oportunidade, de separar e reciclar os residuos; ao tempo que cada actuación se enmarca dentro da planificación de xestión de residuos da Xunta de Galicia.
Trátase do texto no que se establecen os compromisos e as obrigas que rexerán na Comunidade galega en relación coa recollida selectiva de envases e residuos de envases, coa transcendencia tanto ambiental como económica que isto trae consigo, en particular para os 309 concellos galegos adheridos na actualidade ao sistema de recollida de envases lixeiros (coñecido como colector amarelo) e segundo se xustifica de seguido.
Este convenio tamén está baseado na necesidade de instrumentar ou formalizar a compensación que recibirán as entidades locais que participen no sistema polos custes adicionais que lles supón a recollida selectiva destes envases usados no lugar doutro sistema ordinario de recollida, transporte e tratamento dos residuos.
O primeiro convenio marco entre a Xunta de Galicia e Ecoembes foi asinado en novembro de 1999, sendo renovado en dúas ocasións: en 2005 e 2010, e enmarcase no desenvolvemento do principio “responsabilidade ampliada do produtor de produto” que co seu uso se converten en residuos e que, pola súa banda, xorde por aplicación do principio de “quen contamina paga”.
Esta responsabilidade o que supón é que os produtores de produtos que rematan converténdose en residuos, se involucren na prevención e na organización da súa xestión, promovendo a reutilización, a reciclaxe e a valorización de residuos,segundo o que regulamentariamente se estableza para cada fluxo de residuos.