Monday 25 de November de 2024

Con Suma Conciencia iniciará en febreiro un obradoiro de teatro


O colectivo de San Sadurniño Con Suma Conciencia inicia o 2017 con forza. Á convocatoria dunha actividade de artesanía en vidro lanzada a finais do ano pasado súmanselle agora outras dúas, unha centrada na música e outra no teatro, que arrancarán en febreiro. Para inscribirse ou obter máis información abonda con contactar coa entidade no 649 929 917, a través do seu facebook ou ben no blog consumaconcienciablog.wordpress.com, onde tamén nos dan conta doutras actividades que desenvolven arredor da creatividade, o consumo responsable e o altermundismo.

Do curso de iniciación ao teatro encargarase a actriz Celia González. Titulada Superior en Arte Dramática, González iniciou a súa andaina vinculada coa escola de Narón e con múltiples formacións e intérpretes da súa órbita, como Teatro do Morcego ou Producións Malasombra. Na actualidade imparte clases na propia escola e é unha das cofundadoras da compañía Vía 6.

Segundo explican na web de Con Suma Conciencia, con González levarase a cabo “unha toma de contacto co teatro mediante xogos e exercicios de carácter fundamentalmente práctico para o desenvolvemento dos recursos psicofísicos, e das capacidades expresivas e creativas”. Para iso faranse xogos dramáticos e poranse en práctica técnicas básicas para o funcionamento actoral, como son a improvisación ou a recreación de personaxes, situacións e conflitos “a través das capacidades e habilidades expresivas”.

Os obradoiros desenvolveranse os sábados 4, 11, 18 e 25 de febreiro en horario de 11.30 a 13.30h. na antiga escola de Silvalonga. O prezo para persoas socias da entidade é de 20€, mentres que as non socias deberán pagar 40. As inscricións hai que facelas chamando ao 649 929 917. A data límite é o 27 de xaneiro.

Baixo eléctrico, canto e guitarra
Outra actividade que ten aberto o periodo de inscrición é o curso intensivo de introdución a distintas técnicas musicais que se desenvolverá ata marzo. Hai tres posibilidades: o canto -con Noelia Santos-, a guitarra e o baixo eléctrico -con Airán Beltrán-, en clases individuais dunha hora de duración.

O prezo para persoas socias da entidade é de 40€ e as inscricións tamén se poden facer chamando ao 649 929 917