O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade anunciou hoxe que os catro grupos da Corporación acordaron unha declaración institucional que servirá para aprobar no pleno de mañá o Pacto Local pola Mobilidade. Jorge Duarte explicou que o documento “pretende ser unha guía para todas as accións que acometa o Concello nas actuacións relacionadas coa mobilidade, as novas liñas de transporte público, a regulación do aparcamento, ou obras de reurbanización”.
O edil lembrou que o Pacto Local pola Mobilidade é o froito dun longo traballo que comezou en novembro de 2015, e no que participaron os catro grupos municipais, asociacións de veciños, colectivos empresariais, asociacións de transportistas, taxistas e “todos aqueles colectivos que teñen algunha relación coa mobilidade”. Dende entón, celebráronse tres plenarios centrados en tres temáticas específicas: a circulación e o estacionamento, o transporte colectivo e os modos brandos de transporte. As súas conclusións serviron de base “a este documento de consenso, que pretende ser un referente nos próximos dez ou quince anos”, e que despois da aprobación en pleno será ratificado por todas as entidades que se queiran sumar a el.
Cambio de prioridades
Jorge Duarte explicou que a filosofía do Pacto Local pola Mobilidade pasa por “un cambio de prioridades á hora de pensar a cidade, de forma que o primeiro que se teña en conta sexan as persoas, e non o vehículo privado ou o aparcamento, como ata agora”. O concelleiro explicou que, con este texto, “todas as actuacións que teña en marcha o Goberno priorizarán os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público, por riba do vehículo privado”
O Pacto Local pola Mobilidade define oito principios xerais, entre os que o concelleiro de Espazos Cidadáns tamén quixo destacar a aposta pola accesibilidade e a sustentabilidade; o compromiso de garantir o dinamismo económico, e a chamada a todas as administracións á participación activa para lograr os obxectivos do documento.
O edil sinalou que, a petición dos grupos da oposición, o Pacto Local pola Mobilidade non define accións concretas, senón que sinala que se especificarán a través do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, da ordenanza de circulación ou do novo regulamento da ORA.