Tamén na biblioteca se presentará publicamente o libro en homenaxe ao galardón “Los 25 premios Torrente”
A Deputación da Coruña segue a celebrar o aniversario do Premio de Narrativa Torrente Ballester, que na anterior edición cumpriu 25 anos. Entre a axenda programada polo ente provincial destaca o coloquio organizado na biblioteca provincial no que participará o actor Gabino Diego, como protagonista de El Rey Pasmado. Trátase dun filme dirixido por Imanol Uribe e baseado na novela Crónica del rey pasmado do escritor ferrolán.
Será o día 14 de novembro na Sala Manuel López da Biblioteca Provincial e, durante a charla, se proxectarán fragmentos da película gañadora de ata oito Goyas no ano 1992.
Ademais, dentro do programa provincial está previsto tamén presentar dous libros na biblioteca. O primeiro deles é unha homenaxe a todos os gañadores nestes 25 anos con fragmentos das súas novelas. A obra “Los 25 premios Torrente” foi coordinada por Mercedes Monmany, que estará presente no acto xunto a outros membros do xurado do premio de narrativa. Neste caso, a presentación será ás 20.00 horas, tamén na sala Manuel López.
O mesmo escenario acollerá tamén a presentación da novela “El enigma del convento”, obra coa que Jorge Eduardo Benavides gañou a última edición do galardón no 2013.
Edición 2014
Neste ano, o xurado reunirase o próximo xoves día 13 para seleccionar ao gañador desta XXVI edición de entre as máis das 600 obras presentadas. O elixido non só verá editada a súa novela, senón que recibirá 25.000 euros de premio.
Este galardón, o máis antigo da Deputación e un dos de maior prestixio a nivel nacional, naceu co ánimo de fomentar a calidade fabuladora e a creatividade dos escritores, ao tempo que se rende homenaxe ao ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. De feito, tamén con motivo do 25 aniversario, creouse a denominada Ruta Torrentiana, un traxecto guiado por Ferrol que percorre os lugares máis simbólicos da vida e da obra do autor.
Entre as actividades que se están desenvolvendo na actualidade, inclúese unha exposición do pintor Quintana Martelo inspirada na obra La saga/fuga de J. B. Nestes momentos e ata o día 15 pode verse no palacio municipal da Coruña, en María Pita, pero despois será trasladada ao concello de Ferrol.