O delegado territorial da Xunta na Coruña fixo balance das axudas achegadas polo Goberno galego, das que se teñen beneficiado os fogares con máis dificultades
Preto de 1.000 familias da provincia da Coruña se beneficiaron o ano pasado das axudas contra a pobreza enerxética impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, arredor de 240 na cidade da Coruña.
En concreto, a través do tícket eléctrico social, posto en marcha en 2014 e co que se contribúe ao pagamento de parte da factura, apoiaronse en 2016 a máis de 700 familias na provincia, das que preto de 170 residen no concello da Coruña. Outros preto de 280 fogares da provincia, máis de 70 deles no termo municipal coruñés, beneficiáronse o ano pasado da iniciativa do Goberno galego para evitar os cortes de subministro por impago, medida activada en 2016.
Os datos, achegados hoxe polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, conclúen que ao redor de 240 familias da cidade puideron puideron facer fronte aos seus gastos de enerxía grazas ás medidas activadas desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Rodeiro engadiu que o recente acordo para estender estas axudas ao gas natural completa o esforzo en materia social da Xunta, “con especial incidencia en aquelas familias en situación máis complicada”.
A Xunta xa avanzara o pasado 14 de decembro na Cámara Galega que estenderá este inverno as axudas para evitar o corte no subministro de electricidade ao gas natural. O delegado territorial sinalou que “desde 2014 contamos co tícket eléctrico social, que contribúe ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano”. En 2016, a ao tempo que se melloraba esta medida, púxose en marcha “un procedemento automático, sinxelo e eficaz para evitar os cortes de luz por impago”, pensando nas familias con menos recursos.
O mecanismo contra os cortes de subministro actívase mediante un protocolo de urxencia que comeza cunha notificación da comercializadora ao cliente. Nela infórmaselle da posibilidade de acceder ás axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que asume o pago de ata dúas facturas ao ano, cun importe máximo de 200 euros anuais por solicitante. Desde o mesmo instante no que o interesado presenta a solicitude paralízase o corte durante un mes, tempo no que se procede á resolución da axuda.
Ovidio Rodeiro engadiu que “para facilitar a solicitude de ambas axudas e impulsar a súa difusión contamos coa colaboración de Cáritas e Cruz Vermella, ademais de ter habilitadas oficinas na xefatura territorial da Xunta na Coruña e en Santiago”.
“Como xa fixemos durante este tempo, este ano a Xunta destinará o orzamento que sexa necesario, sen límites, para seguir axudando ás familias con menos recursos”, asegurou Rodeiro.