O encontro forma parte da rolda de entrevistas que José Manuel Rey Varela está a realizar cos rexedores e rexedoras galegos
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá un encontro co alcalde do municipio de Arteixo, José Carlos Calvelo Martínez, no marco da rolda de entrevistas que o titular autonómico está a realizar cos rexedores e rexedoras galegos.
O obxectivo da reunión é coñecer de primeira man a situación e as necesidades que teñen no ámbito social as diversas localidades galegas. Nesta liña, os dirixentes autonómico e local fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver no concello coruñés.
Así, ambos mandatarios fixeron alusión á integración na Rede Galiña Azul da Escola Infantil Municipal, con 7 unidades e capacidade para 102 nenos e nenas. Rey Varela tamén lembrou o incremento de 630 horas mensuais no Servizo de Axuda no Fogar Dependencia grazas ao cal os veciños e veciñas que o precisan contan cun total de 43.896 horas de servizo ao ano. Por outra banda, cómpre destacar o incremento do Plan concertado, co que Arteixo disporá de máis persoal para os servizos sociais municipais, o que redundará nunha mellora nos tempos e na calidade da atención que prestan á cidadanía.
Conselleiro e alcalde abordaron tamén a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en Arteixo. “O diálogo entre as diferentes administracións é vital para garantir unha mellora da calidade de vida dos galegos e galegas a través das políticas sociais”, asegurou o titular autonómico tras finalizar o encontro.