Co obxectivo de constituír unha axencia espacial escolar galega, reuniranse na Casa da Cultura de Ordes o próximo venres 20 de xaneiro máis de 150 estudantes de Secundaria de tres institutos: o IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.
No Congreso presentaranse oito comunicacións. Seis delas repasarán os traballos das comisións que soportaron o lanzamento da sonda estratosférica MarumaSat en maio de 2016, que constituíu o primeiro fito desta carreira espacial. Cabe destacar que este acontecemento estivo ben cuberto polos medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, mesmo con alcance estatal. Unha das fotografías daquel acto está exposta entre as máis emblemáticas do ano
2016 no pazo compostelán de Fonseca, que se poderá visitar ata o 21 de xaneiro.
Tamén presentarán comunicacións os centros que se incorporan ao proxecto, ben para achegaren innovacións que permitan obter datos científicos máis sofisticados, ben para a creación da marca da axencia, que será escollida horizontalmente a través dos teléfonos intelixentes das persoas participantes no propio evento.