Saturday 16 de November de 2024

Mesía e Boimorto reciben en conxunto un 7% das axudas de plans de mellora e incorporación de mozos aprobadas na provincia da Coruña


A conselleira do Medio Rural reuniuse en San Caetano cos alcaldes de ambos concellos, cos que abordou a situación e perspectivas de futuro do agro nos seus municipios

Os concellos coruñeses de Mesía e Boimorto recibiron, en conxunto, algo máis dun millón de euros en concepto de axudas para incorporación de mozos á actividade agraria e para plans de mellora das súas explotacións durante o ano 2016. En total, foron 23 os expedientes aprobados nestes dous municipios limítrofes, 7 no de Boimorto e 16 no de Mesía.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, e co rexedor municipal de Mesía, Mariano Iglesias, para avaliar estes datos e analizar, en xeral, a situación e perspectivas de futuro do agro en ambos concellos.

Os fondos recibidos por Boimorto e Mesía representan arredor do 7% do total destinado por Medio Rural á provincia da Coruña, sendo tamén esa mesma porcentaxe por número de expedientes aprobados. En total, na Coruña houbo 310 beneficiarios este ano, por un importe global de 15,6 millóns de euros.

Estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro, fomentando a remuda xeracional nas explotacións e procurando a súa maior competitividade, a través de diversas melloras na súa xestión.

Ademais de abordar estes asuntos, a conselleira e os alcaldes trataron tamén outros aspectos relacionados coa mellora das condicións de vida da poboación rural. En particular, os rexedores trasladaron a necesidade de poñer en valor as comunicacións entre ambos concellos, a través da ampliación dunha ponte na estrada que os conecta.