¡H2Oh! Os segredos da auga da túa cidade é o título dunha mostra itinerante que pretende concienciar sobre o uso deste recurso tan prezado e, a súa vez, tan escaso. Promovida pola Obra Social “la Caixa” e Viaqua, coa colaboración do Concello de Santiago, a exposición estará na Alameda ata o 22 de febreiro.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia salientou que a exposición “é moi educativa, e incide na responsabilidade particular de cada un de nós na xestión dun elemento tan importante para a vida como é a auga”. Xan Duro tamén recoñeceu que “cando apelamos a esa responsabilidade da cidadanía, as administracións teñen que facer fonda autocrítica, porque en Santiago non foron quen de solucionar a parte final do ciclo da auga, a que ten que ver coa depuración”. Nesa liña, o edil fixo un chamamento para que todas as administracións implicadas poidan desbloquear canto antes a construción da nova EDAR.
Xan Duro estivo acompañado do concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; do director da Área de Negocio de CaixaBank na cidade, Antonio Lema; e do director de Viaqua en Galicia, Julio Masid, na presentación desta mostra, que convida a reflexionar sobre os grandes desafíos tecnolóxicos, económicos e medioambientais que implica un xesto aparentemente tan sinxelo como abrir unha billa na casa e que saia auga potable. A exposición, baseada en distintos elementos museográficos singulares, dende pezas reais ata interactivos multimedia de última xeración, tamén permitirá descubrir por que dicimos que a auga é o “elixir da vida”, cal é o peso da auga do visitante que desexe sabelo ou a que se destina a maior parte da auga doce, entre outras cosas.
Esta mostra poderá visitarse na Alameda do 17 de xaneiro ao 22 de febreiro, na Alameda, en horario de 12:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá visitas guiadas de luns venres ás 19:00 horas, e os sábados, domingos e festivos ás 12:00 e ás 19:00 horas. Poden concertarse visitas escolares no teléfono 902 906 666.
Auga, elixir da vida
A exposición, comisariada por Sergi Romeu, estrutúrase en tres grandes eidos: “Auga, elixir da vida”, “Auga na cidade” e “Auga sostible”. Así, no primeiro bloque preséntanse as excepcionais propiedades físicas da auga líquida, así como a íntima relación existente entre este composto único e todos os seres vivos, incluídos os humanos.
Todos os seres da biosfera son basicamente auga, e nós non somos ningunha excepción. Con todo, os seres humanos non necesitamos a auga solo para vivir, senón tamén para crecer e prosperar. A historia da nosa civilización vai estreitamente ligada aos esforzos para provernos de auga doce, un recurso prezado e menos abundante do que podería parecer a simple vista.
Neste primeiro eido, o público poderá descubrir que ten de especial a auga líquida, de canta dispoñemos e como se distribúe no noso planeta. E entenderemos por que dicimos que a auga é o “elixir da vida”.
Auga na cidade
Abastecer de auga potable a unha cidade supón un gran reto. O obxectivo é garantir un fornecemento adecuado para cubrir ás necesidades da poboación, mediante unha xestión eficiente e sostible deste recurso. Neste ámbito mostrase o ciclo urbano da auga, é dicir, o camiño que percorre a auga destinada ao abastecemento humano, dende o punto de captación ata que regresa ao medio unha vez utilizada, pasando polas fases de potabilización, distribución, depuración de augas residuais e retorno ao medio natural ou reutilización.
Un xogo interactivo converterá os/as visitantes en xestores de auga nunha cidade imaxinaria. Ao ir pasando polas distintas fases do ciclo urbano da auga, proporanse diferentes retos que deberán superar para asegurar unha distribución adecuada da auga potable. Poderemos alcanzar os niveis esixidos de eficiencia e sostibilidade?. Obteremos a satisfacción dos nosos concidadáns?
Auga sostible
O terceiro e derradeiro eido presenta os retos que o século XXI nos traslada en canto ao abastecemento de auga potable no entorno urbano, e amósanos como o uso responsable da auga pode propiciar un futuro mellor para todos.
Segundo Nacións Unidas, o abastecemento de auga potable é un dereito fundamental dos seres humanos. Actualmente, e por primeira vez na historia, a maior parte da humanidade vive nas cidades, e todo indica que esta tendencia irá incrementándose ao longo deste século. Por iso, a xestión sostible e eficiente da auga no eido urbano é máis importante que nunca e aínda o será máis no futuro.
Actividade paralela: ¡H2Oh!, o xogo en liña
En paralelo á exposición, produciuse un xogo en liña que permite a calquera persoa converterse en xestor de auga nunha cidade imaxinaria. Con este xogo, de estrutura xeral similar ao famoso SimCity, os usuarios deberán construír a infraestrutura requirida para asegurar un abastecemento adecuado da auga a medida que a cidade vaia medrando. Ademais, deberán facer fronte a distintos retos técnicos e medioambientais, así como satisfacer as peticións que a poboación lles vaia solicitando, ao tempo que o xogo progresa. Os obxectivos finais consisten en lograr que a cidade prospere e en obter a máxima satisfacción dos seus habitantes, mediante unha xestión eficiente e sostible da auga.
Ademais, se os usuarios visitan á exposición, poderán acceder a un nivel suplementario do xogo introducindo un código que se lles proporcionará á entrada da mostra.