A oferta inclúe cestería, tapicería, mecanografía, iniciación ao modelado con arxila e decoración artesanal
O Concello de Oroso renova un ano máis a súa oferta de Obradoiros Culturais para o ano 2017, xa que non repite ningún dos cursos do ano anterior. Este ano a oferta inclúe cestería, tapicería, mecanografía, iniciación ao modelado con arxila e decoración artesanal. As inscricións deberán formalizarse antes do vindeiro 31 de xaneiro no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 69 09 03.
Esta oferta formativa e de ocio está dirixida a veciños e veciñas empadroados en Oroso, maiores de 16 anos. Todos os cursos terán lugar no centro cultural de Sigüeiro e os seus prezos oscilan entre os 35 e os 75 euros (salvo o curso de mecanografía, que é de balde, está dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos e terá lugar na aula de informática).
Así mesmo, os cursos terán unha duración de tres meses, salvo o de iniciación ao modelado con arxila que terá lugar os venres 3, 10, 17 e 24 de febreiro, en horario de 18:00 a 20:00 horas. O seu prezo é de 35 euros, material incluído. O curso de mecanografía celebrarase na aula de informática de Oroso todos os luns de febreiro, marzo e abril, en horario de 18:30 a 19:15 horas. Dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos, é o único gratuíto.
Os outros tres cursos terán lugar nos meses de febreiro, marzo e abril. O curso de cestería terá lugar todos os sábados, de 10:30 a 12:30 horas, e terá un custe de 50 euros polos tres meses (material aparte). O curso de tapicería terá lugar todos os venres, de 17:00 a 19:00 horas, a razón de 25 euros por mes. Finalmente, o curso de decoración artesanal terá lugar todos os mércores, de 18:00 a 20:00 horas, e nel faranse traballos de bixutería, broches, colares, xabóns, candeas artesanais e traballos con feltro. O seu custe será de 24 euros por mes, material aparte.