Friday 22 de November de 2024

En marcha a estratexia para a reindustrialización de Santiago de Compostela


O Concello de Santiago, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, Igape, Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio e a Asociación Área Empresarial do Tambre asinaron esta mañá un acordo de colaboración para a reindustrialización empresarial, promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para Compostela. Foi nun acto celebrado na sede social do colectivo empresarial do Tambre no que participaron o alcalde, Martiño Noriega; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel.

No acordo asinado hoxe, as seis institucións manifestan o seu interese en poñer en marcha unha estratexia conxunta que facilite o asentamento de empresas e a captación empresarial na zona norte da cidade, en concreto nos ámbitos de Costa Vella, Tambre e Sionlla. O alcalde quixo “poñer en valor este espazo de consenso, un camiño que implica a distintos sectores da cidade co único obxectivo de mellorala”. Nesa liña, Martiño Noriega salientou que hoxe empeza un proceso que “de seguro dará boas noticias nos vindeiros meses”, e que crea importantes sinerxias entre “a Universidade de Santiago, que aporta o seu coñecemento, a Cámara de Comercio e a Área Empresarial do Tambre, que aportan a súa experiencia empresarial, e as administracións implicadas, que se comprometen a axilizar as tramitacións e a adoptar as medidas que lles sexan posibles para lograr os obxectivos fixados”.

Potencial de crecemento industrial
O acordo contempla a constitución dunha mesa de traballo integrada por cada unha das entidades asinantes, que se encargará de propoñer e desenvolver accións dirixidas á reindustrialización de Compostela. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2020 e pode ser prorrogado.

O concelleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou por fomentar a instalación na zona norte de Compostela de “novos sectores emerxentes e cun gran potencial, como os relacionados coa biotecnoloxía e coa transformación da madeira”. Para facilitar a súa instalación nas áreas empresariais de Santiago, segundo apuntou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, dende a Xunta “seguiranse aplicando bonificacións para a compra de solo industrial de ata o 30%”.