Esta semana empezouse a prestar o servizo no local situado na praza Horta de Abaixo de Bertamiráns, nas inmediacións do Complexo Deportivo A Telleira
O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co responsable da empresa Gestión Tributaria Territorial (GTT), José Carlos Losada, o contrato polo que se regula o servizo de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadatoria do Concello non delegada na Deputación da Coruña. Esta semana, a empresa, que resultou adxudicataria dun procedemento de licitación aberto, empezou a prestar o servizo no local situado na praza Horta de Abaixo de Bertamiráns, nas inmediacións do Complexo Deportivo A Telleira.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “o servizo de xestión impositiva do Concello de Ames está completamente cuberto, xa que a Deputación recada sete tributos e a empresa faise cargo das taxas municipais das que o organismo provincial non acepta a delegación”.
A oficina de recadación do Concello de Ames atende ao público na praza Horta de Abaixo de Bertamiráns, nas inmediacións do Complexo Deportivo A Telleira. Alí, está aberta de luns a venres entre as 09:00 e as 14:00 horas. Ademais, os luns e mércores abre en horario de tarde, entre as 16:15 e as 18:30 horas. Nesta oficina realízase a tramitación das taxas municipais, do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e das licenzas de apertura.
Dende o acordo plenario adoptado no mes de outubro de 2012, a Deputación da Coruña pasou a xestionar as competencias en materia tributaria e de sancións por infraccións de tráfico do Concello de Ames. Deste xeito, o Concello de Ames delegou a xestión e recadación voluntaria e executiva de diferentes impostos, taxas e prezos públicos municipais no servizo de recadación deste organismo provincial (imposto de bens inmobles, imposto municipal de circulación de vehículos, vaos, terrazas, imposto de construcións e obras, etc).
As funcións que desenvolve a empresa son as relativas ao imposto de construcións, instalacións e obras, así como das taxas dos servizos educativos (Bos Días Cole, Tardes Divertidas, Rede Municipal de Comedores Escolares, Psicomotricidade educativa e preventiva, programas lúdicos). Tamén se encarga da taxa pola prestación de axuda no fogar; do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do concello de Ames; e da liquidación e recadación de multas coercitivas. Entre as súas funcións tamén figura a taxa de licenza de aperturas de establecementos.