Ata finais deste mes poderemos ver na galería da Casa do Concello a exposición gráfica “As nenas e nenos soldados” do debuxante senegalés Momar Badiane. Son 13 debuxos cos que o autor denuncia a utilización de menores de idade nos conflitos armados. Unha realidade diaria presente en aproximadamente 18 países, entre eles Siria, República Centroafricana, Burundi, Colombia, Costa de Marfil, Malí, Nixeria, Birmania, Afganistán, Chad, Líbano, Somalia, Sudán do Sur ou Filipinas, entre outros, vítimas das guerras civís e de diversos enfrontamentos bélicos. A exposición chega a San Sadurniño da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Segundo diversas ONGD, a utilización de infantes por parte de exércitos, milicias e grupos armados clandestinos e irregulares, achégase aproximadamente a 250.000 menores. Rapazada vulnerable pola pobreza e a situación social do seu contorno que é introducida á forza nos conflitos valéndose precisamente da súa vulnerabilidade e do terror.
Neste contexto as cativas e os cativos non só combaten na fronte de batalla, senón que tamén se ven na obriga de facer labores de vixilancia, mensaxería ou espionaxe. No caso das nenas a esta situación súmase a de ter que atender cociñas, facer os traballos domésticos e a escravitude sexual.
Sobre esta realidade debuxa Momar Badiane, un deseñador gráfico e artesán senegalés que nos achega a súa mirada e a súa preocupación polo sufrimento do seu propio pobo. A exposición “As nenas e nenos soldados” está formada por 13 debuxos máis tres paneis informativos: un sobre a situación actual do problema, outro sobre o Fondo Galego e un terceiro no que o propio Badiane narra en modo reflexivo a dramática historia das e dos menores, visibilizándoa a través dos debuxos para darlle voz a esta realidade silenciada e descoñecida.
No 2000, a ONU, apoiada por unha campaña dirixida pola Coalición para acabar co uso das nenas e nenos soldados, adoptou un tratado internacional que establece como idade mínima de recrutamento os 18 anos, así como a obriga por parte dos Estados de proporcionar rehabilitación e axuda para a reinserción das e dos ex nenos soldados. Ata hoxe, este tratado foi ratificado por 120 países. O 12 de febreiro é considerado como o Día Internacional contra a Utilización das Nenas e Nenos como Soldados.
A exposición “As nenas e nenos soldados” de Momar Badiane poderá visitarse ata o 31 de xaneiro na galería do Concello de luns a venres en horario de mañá.