Friday 22 de November de 2024

Felipe VI recibe os alcaldes e alcaldesas das cidades Patrimonio da Humanidade


Este venres, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou na audiencia que o Rei Felipe VI ofreceu no Palacio da Zarzuela aos alcaldes e alcaldesas das cidades Patrimonio da Humanidade de España.

O obxectivo deste encontro era informar ao xefe do Estado das distintas actividades e proxectos que a rede que reúne ás 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco vén desenvolvendo nas súas áreas de Turismo, Patrimonio e Cultura, co fin de preservar e divulgar o excepcional legado histórico que atesoran.

En nome das cidades Patrimonio interveu a presidenta actual do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, quen agradeceu o apoio da Corona á asociación e lembrou que “España é o terceiro país do mundo en número de bens declarados Patrimonio Mundial da Humanidade”, dos que as 15 cidades do Grupo son o maior expoñente.

Ademais, destacou que “o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é un exemplo de mestura de culturas polo seu patrimonio e un exemplo de colaboración institucional na busca do ben común, próximo a cumprirse 25 anos dende a súa creación, e sempre traballando de maneira coordinada a pesar de ser cidades de distintas rexións, características ou signos políticos”.

Nevado afirmou tamén que o “Grupo está concienciado na obriga co resto do mundo, e xeracións vindeiras, da importancia de conservar e difundir o patrimonio, que debe ser un elemento de unión e nunca de división, como se está observando nalgúns conflitos internacionais nos que se está utilizando o Patrimonio Mundial e os monumentos históricos como reféns dun pobo contra outro”.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España constituíuse o 17 de setembro de 1993, tras a integración na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco das cidades de Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Dende entón, fóronse incorporando outras cidades a este Grupo, tras obter a mención por parte da Unesco. Na actualidade, forman parte del Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.