Friday 22 de November de 2024

O Aldebarán de volei recibe este sábado ao Vigo co obxectivo de manter o liderado no Grupo A da Superliga 2


O volei volve esta fin de semana a San Sadurniño co derbi galego da SM2 que enfrontará o sábado ás 19.30h. ao Aldebarán-Intasa co Club Vigo Voleibol. O equipo adestrado por Manuel Blanco sairá á pista con ánimos renovados trala disputa da súa segunda final de copa e a determinación de continuar como líder do Grupo A da liga. Namentras, o club local e maila UDC Narahío andan a voltas coa preparación da cea baile que se celebrará o día 28 deste mes en La Concha, cun menú de 28 euros por persoa e a actuación da orquestra París de Noia. Os tiques poden reservarse nos teléfonos 981 363 469, 647 750 423 e 663 720 416.

No deportivo, o Aldebarán-Intasa marcha primeiro de grupo con 28 puntos, seguido a dous de diferenza polo Universidad de Valladolid e a 10 polo seu rival deste sábado, o Club Vigo Voleibol. Un equipo situado no medio da táboa clasificatoria que non debería ser obstáculo para a formación local sempre que manteña o nivel de xogo exhibido na liga até o momento.

O capitán do Aldebarán-Intasa, Uxío García, aseguraba estes días nas redes sociais que o partido contra os vigueses sería unha oportunidade de “resarcirse” do resultado da final da Copa Príncipe do pasado domingo, cando o Sansa se viu claramente superado polo xogo do Sant Pere i Sant Pau, tamén líder ligueiro da SM2 anque no Grupo B.

Unha victoria este sábado -e todas as que poida haber de agora en diante- é vital para manterse na parte de riba da táboa e, se é posible, aumentando a diferenza cos equipos perseguidores. E é que o grande obxectivo do Aldebarán para este 2017 é lograr o ascenso á Superliga Masculina, a máxima categoría do volei estatal xunto coa Superliga Iberdrola feminina. Se as cousas van como ata agora, o Aldebarán xogará a promoción cruzándose de novo co Sant Pere i Sant Pau.

Cea baile
Por outra banda, o club de volei e maila UDC Narahío organizan xuntos unha cea baile que se celebrará o sábado 28 de xaneiro na sala de festas La Concha. Ofrecen o seguinte menú: langostinos ou vieiras ao forno de primeiro e, de segundo, carrilleira ao viño tinto ou dourada á espalda. Inclúese o pan, o café, a sobremesa e un chupiño. Para o baile está chamada a orquestra París de Noia.

O prezo son 28€ por persoa -6€ a entrada só para a orquestra, a partir das 12- e os tiques poden reservarse nos teléfonos 981 363 469, 647 750 423 e 663 720 416.