Friday 22 de November de 2024

Tempos para compartir volve en febreiro co obradoiro “As túas primeiras puntadas”


A área de Igualdade de San Sadurniño retoma o programa o sábado 4 ás 17.00h. cunha sesión de introdución á costura

A área municipal de Igualdade retomará no mes de febreiro os obradoiros do programa Tempos para compartir. E farao o sábado día 4 cunha sesión arredor das técnicas básicas de costura. Na Casa da Xuventude a partir das 17.00h. poderemos aprender a dar unhas puntadas que nos serán de moita utilidade para coser un botón, reparar os buratos dun calcetín, facer un ollal e, en definitiva, defendernos minimamente coa agulla para casos urxentes ou para iniciarnos nunha habilidade que cada vez se practica menos. As inscricións, coma sempre, haberá que facelas chamando ao 981 490 027 ext. 1. Nese teléfono tamén poderemos propoñer temas para futuros obradoiros de Tempos para compartir.

Tempos para compartir é unha iniciativa da área de Igualdade de San Sadurniño concibida como un punto de intercambio de coñecementos e como un punto de encontro entre a veciñanza a través de obradoiros nos que se pode aprender de balde case calquera cousa.

Para organizar un Tempos… só fai falla unha persoa voluntaria que queira ensinarlle a outras persoas algunha cousa que saiba. A materia en cuestión debe poder condensarse a xeito de introdución en arredor dunha hora e media ou dúas. O Concello tamén pide que non sexan necesarios materiais demasiado caros e que a actividade se poida desenvolver de forma participativa, aínda que isto non é imprescindible.

Con estas premisas xa se teñen feito ducias de obradoiros cun protagonismo case indiscutible de todos aqueles relacionados coa alimentación -hóuboos de repostaría, de pan, de turróns, de madalenas, de bombóns, etc.-, aínda que o Tempos para compartir tamén ofreceu sesións sobre cámaras deportivas, sobre elaboración de xabóns e deterxentes, de cestaría, e doutras materias máis próximas ás manualidades que á cociña.

Outro dos obxectivos do Tempos… é que os coñecementos adquiridos teñan algún tipo de aplicación práctica na vida diaria. E, sen dúbida, o próximo que hai programado cumpre de sobras con esta finalidade.

Natalia Fraguela introduciranos no apaixoante mundo da costura para que aprendamos a defendernos coa agulla, o fío e o dedal -este último non é indispensable, pero axuda-. O contido do obradoiro que terá lugar na Casa da Xuventude ocuparase de falar das distintas puntadas, como facelas e para que se utilizan, xa que non é o mesmo zurcir que facer un ollal ou sobrilar (adaptación doméstica da palabra castelá “sobrehilar”) para cortarlle o avance a unha rachadura.

Para este obradoiro do mes de febreiro -o primeiro deste 2017- ofrécense 15 prazas que se irán cubrindo por orde de petición a través do teléfono 981 490 027 ext.1 e dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello. O prazo de inscrición finalizará o 27 de xaneiro.

Quen queira propor unha idea para futuros Tempos… tamén pode ofrecerse como docente por unha tarde no mesmo teléfono ou pasando pola oficina de Igualdade, no primeiro andar da casa consistorial.