Monday 25 de November de 2024

A exposición fotográfica do Grupo Bazán finaliza o sábado e cédelle o espazo desde o martes a unha colección de debuxos da artista Myriam Cordero


“Objetivo Ferrol 2.0” dalle paso no Museo do Humor de Fene a “GrafoArt. Alma en papel e tinta”

Este sábado 14 de xaneiro finalizará a estadía en Fene da exposición “Objetivo Ferrol 2.0” que ocupou durante o Nadal o andar inferior da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. A mostra achega a mirada persoal dunha vintena de fotógrafos e fotógrafas sobre a cidade de Ferrol e a súa contorna. 40 instantáneas en grande formato traídas ata Fene pola sección fotográfica do Grupo Bazán que lle cederán o espazo a partir do día 17 a unha espectacular exposición de debuxos feitos á man que semellan fotografías. Neste caso trátase da mostra individual “GrafoArt. Alma en papel e tinta.” da artista autodidacta Myriam Cordero, que poderá visitarse ata o 10 de febreiro.

“GrafoArt. Alma en papel e tinta” é unha escolma das obras de Myriam Cordero Garrido. Unha artista autodidacta que comezou a debuxar de nena e que descubriu as súas cualidades na adolescencia, cando lle empezaron a facer encargas de retratos e escenas que ela é capaz de trasladar ao papel cunha fidelidade case fotográfica.

Pinta en branco e negro usando tinta permanente sobre papeis de alta gramaxe ou incluso pintura acrílica sobre lenzos e murais. A partir dunha foto debuxa a man alzada calquera cousa cunha precisión reprográfica. De aí que hai catro anos iniciase o proxecto Estudio Artístico “GrafoArt” a través das redes sociais e que, desde aquela, as súas obras teñan viaxado por todo o estado e tamén por países do estranxeiro.

Participou en exposicións colectivas da comarca -o Concurso de Pintura Bello Piñeiro, a Bienal de Pintura Balconadas de Betnzos e a do concurso Manuel Rebón de Ares-, pero esta de Fene será a súa primeira exposición individual.

“Grafoart. Alma en papel e tinta.” abrirá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene o martes 14 ás 18.00h. A autora estará presente na apertura para atender calquera cuestión ao redor da súa obra.

A partir do martes a mostra poderá visitarse ata o día 10 de febreiro. Durante a semana de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h., mentres que os sábados a exposición só estará aberta pola mañá.