As alcaldías de Fene, Cabanas, Ares, Mugardos e Neda alcanzaron este mércores o acordo sobre a redacción definitiva do regulamento de funcionamento do Punto Limpo de Vilar do Colo. Trala xuntanza celebrada antes do Nadal quedaban pendentes aspectos como se o centro de recollida atendería ou non ás pemes, os horarios de apertura e as cantidades máximas de refugallos permitidas por habitante. Todos estes estremos quedaron aclarados nunha xuntanza celebrada hoxe á mañá en Fene. Agora toca redactar o articulado final consensuado polos cinco concellos e levar adiante o estudo económico no que se baseará a contratación da xestión.
Outra cuestión que tamén deberá abordar cada municipio é a ratificación plenaria do regulamento. Unha tramitación que, segundo o rexedor fenés, Juventino Trigo, “non debería ter ningún problema, nin sequera aquí en Fene” por tratarse dun documento “consensuado” entre os representantes políticos dos cinco concellos, “pertencentes a distintos partidos e con distintos pareceres que neste caso nos puxemos de acordo para darlle o impulso definitivo a este servizo tan necesario”.
Os puntos que quedaban por resolver eran os referidos á definición das cantidades que cada veciño ou veciña poderá depositar no centro e, principalmente, adoptar unha posición unánime sobre se o punto limpo situado en Vilar do Colo recollería tamén resíduos xerados por pequenas e medianas empresas. Os alcaldes -asistidos na toma de decisión por persoal técnico- optaron porque o novo servizo só atenda a usuarios e usuarias particulares e tamén decidiron marcar horarios mínimos de apertura que, máis adiante, deberá configurar o Concello de Fene.
Os cinco municipios están de acordo en que o centro o leve unha empresa privada e que sexa Fene quen se encargue de todo o referido á súa posta en marcha e coordinación. Para iso, Cabanas -que nestes momentos é cotitular das instalacións- deberá encomendarlle ao consistorio fenés a xestión. Despois, todos os concellos -incluído o de Cabanas- suscribirán un convenio con Fene para gozaren do servizo pagando unha contía baseada en parámetros como o número de habitantes ou o volume mensual que se achegue desde cada territorio.
Os custes de explotación determinaranse cun estudo económico específico que atenda as condicións reflectidas no regulamento e que, ademais, sirva de base para a licitación da xestión.
As instalacións finalizáronse en outubro de 2013 e supuxeron un investimento próximo aos 241.000 euros, dentro do Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020.