Saturday 16 de November de 2024

A consultora Eptisa continuará desenvolvendo o PXOM de San Sadurniño


Secundino García e o responsable da área de Xestión territorial, Manolo Beceiro, mantiveron esta mañá no Concello unha xuntanza con representantes da consultora Eptisa para coñecer en que medida lle afectan á redacción do PXOM os últimos cambios no seo da empresa tralo seu paso a mans dun grupo estranxeiro e, máis recentemente, polo ERE que levou adiante centrado principalmente na área de planificación. Segundo lle trasladaron os seus representantes ao goberno local, a empresa continuará encargándose como ata agora da parte técnica do PXOM de San Sadurniño.

Logo da aprobación inicial do documento, o Concello aínda está agardando polos informes de Patrimonio e Augas de Galicia para poder respostar ás alegacións veciñais -algo máis de 400- e encarar a aprobación definitiva do planeamento. Segundo o alcalde, a práctica totalidade das respostas están listas e só faltaría incorporarlles os cambios indicados nos informes procedentes deses dous organismos autonómicos. Un traballo técnico do que se seguirá encargando a consultora Eptisa, tal e como lle aseguraron esta mañá representantes da empresa ao goberno local.

“Informóusenos de que os cambios internos e de accionariado na consultora non influirán nos compromisos asumidos con San Sadurniño”, asegurou Secundino García. Pola súa banda, o responsable da área de Xestión territorial, Manolo Beceiro, indicou que na reunión “os representantes de Eptisa explicaron que do equipo redactor do PXOM de San Sadurniño cambiará unha persoa e que a súa substituta xa está traballando na documentación xerada para poñerse ao día co procedemento”.

Eptisa é unha empresa de enxeñaría e consultoría con presenza en 45 países. En setembro de 2016 o 90% das súas accións foron adquiridas polo grupo chinés JSTI nunha operación cifrada en 46 millóns de euros co obxectivo de converter a nova filial en plataforma de internacionalización do grupo. Case de inmediato a propietaria empezou a aplicar un ERE que lle afectou en Galicia a parte dos equipos redactores de 17 planeamentos urbanísticos, entre eles o de San Sadurniño.

O encontro mantido esta mañá entre o goberno local e representantes da empresa tivo como finalidade “aclarar a situación e trasladarnos tranquilidade sobre a finalización dun proxecto tan importante para a veciñanza”, dixo Secundino García. O alcalde insistiu en que, nestes momentos, o avance do PXOM “depende máis” da chegada dos informes aínda pendentes -o de Augas de Galicia e o de Patrimonio- que de “quen estea á fronte do equipo redactor”.