Manuel Mirás felicitou aos participantes e instounos a conformar unha asociación de comerciantes para incentivar as compras no municipio
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, entregou na noite de onte os premios do primeiro concurso de escaparates de Nadal, no que participaron trece establecementos e que se levou a cabo entre o 14 de decembro e o 6 de xaneiro. O gañador do certame foi o establecemento Zoclos, cuxos 47 puntos lle outorgaron un premio de 300 euros; seguido de preto por La Bellota (45 puntos) e Floristería Xulián (44 puntos), que levaron un premio de 200 e 100 euros, respectivamente.
Uns premios que foron entregados nun acto levado a cabo no salón de plenos e no que o alcalde orosán estivo acompañado polos concelleiros de Comercio, Antonio Leira; Turismo, Vanesa Boo; e Cultura, Luís Rey. Manuel Mirás aproveitou para agradecer a participación dos trece establecementos e facerlles un chamamento: “temos que facer unha asociación de comerciantes ao por menor en Oroso para promover o comercio de proximidade”. Mirás Franqueira asegurou que “dende o Concello queremos que o comercio funcione, que a xente merque aquí e mesmo atraer xente dos arredores polo que, se se fai esa asociación, podedes contar coa nosa colaboración”.
Premios Facebook
Pola súa banda, Antonio Leira foi o encargado de entregar os premios aos participantes no concurso organizado a través da páxina oficial do Concello de Oroso en Facebook. “Agradecemos a participación dos comerciantes e tamén de todos os que votaron pois estamos moi satisfeitos da resposta da xente nesta primeira edición e agardamos que isto servira para darlle un pequeno empurrón ao noso comercio”, apuntou Leira Piñeiro, quen desexou que este concurso “sexa o primeiro de moitos pasos a dar ao longo do ano”.
Despois de catorce días de votación, nos que se validaron un total de 2.394 votos procedentes de 1.765 usuarios, as gañadoras foron as propietarias do establecemento UVE Moda, cun total de 567 votos, polo que levaron unha cea para dúas persoas no restaurante La Cantina. O segundo clasificado foi Mi vestidor azul, cun total de 566 votos; e completou o podio Foto Silvia, con 333 votos. Ao gañador do certame, Zoclos, que ocupou a cuarta posición na votación de Facebook con 172 votos, e a outros participantes prexudicoulles o feito de que gran número de seguidores lle deron a “Gústame” na súa páxina de Facebook e non na do Concello de Oroso, polo que non foron contabilizados, de acordo ao establecido nas bases do concurso.
Finalmente, tras o sorteo realizado entre os 1.765 votantes, a cea para dúas persoas no restaurante La Cantina foi para Ana Míguez, veciña de Oroso.