O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a zona das actuacións, acompañado polo alcalde da localidade, Francisco Quintela
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Coirós, onde foi recibido polo seu alcalde, Francisco Quintela. Tras falar durante uns intres na Casa Consistorial, ambos os dous desprazáronse ao parque empresarial de Penapartida, para comprobar alí as actuacións levadas a cabo pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das liñas de axuda ás infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.
En concreto, Rodeiro e Quintela visitaron tres actuacións executadas no polígono industrial de Coirós: a mellora dos servizos enerxéticos por un importe de 64.317,46 euros, un sistema de seguridade para todo o parque empresarial por 4.866,86 euros, e a implantación dun sistema contra o roubo de cable por un importe de 3.110,18 euros.
En total, a Xunta completou un investimento de 72.294,5 euros, o 80 por cento do orzamento dos traballos. Durante a visita, Ovidio Rodeiro tivo a oportunidade de falar con algúns dos empresarios beneficiados por esta actuación, agradecidos polas melloras que supuxeron as obras.
O plan de axudas ás infraestruturas dos parques empresariais supuxo un investimento de 1.255.262,90 euros en toda a provincia da Coruña, repartido en 21 actuacións concretas. Ovidio Rodeiro destacou que “mediante este programa se logran melloras en aspectos como a seguridade, a eficiencia enerxética, os accesos aos propios polígonos, a mobilidade, o alumeado público, ou mesmo o medio ambiente, dotando algún deles de novos puntos limpos”.
Durante a visita, o delegado territorial da Xunta na Coruña e o alcalde de Coirós aproveitaron para repasar outras intervencións levadas a cabo pola Xunta de Galicia no concello e para comentar algunhas das necesidades da localidade de cara a futuras actuacións.