A área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene ten en marcha un programa de envellecemento activo no que se encadra a denominada “Escola de avós e avoas”. Trátase dunha actividade interxeracional coa que se pretende achegarlle á rapazada dos centros de ensino un punto de vista único sobre a historia recente, o das persoas que a viviron con todos os seus cambios. Aproveitando a recente publicación do libriño “A chegada da electricidade”, os avós e avoas falaranlles de como era o mundo cando non había “corriente” e a transformación que supuxo a chegada da electricidade e, sobre todo, dos electrodomésticos.
Os encontros cos avós e avoas desenvolveranse hoxe e máis mañá xoves nos Casais, na Xunqueira, no IES Fene, no CEIP Centieiras, na Jorge Juan e no CEIP O Ramo. Van dirixidos á rapazada de 5º e 6º de primaria e tamén a estudantes de FP básica.
Durante as sesións -de algo máis dunha hora de duración por colexio-, as avoas e avós participantes compartirán co alumnado os seus coñecementos e vivencias recollidas no libriño elaborado ao abeiro do programa municipal “Construíndo Pontes”.
Non se trata dunha charla, senón dun tempo compartido en que as persoas participantes contarán a súa visión doutro tempo e dos adiantos que supuxeron aparellos como a neveira ou a lavadora. Porén, a rapazada tamén participará mostrando a súa experiencia ao redor da participación nos programas socioeducativos Espazos Compartidos e Suma e Segue.
Nas actividades de hoxe mércores e mañá xoves participarán cerca de 300 persoas, entre profesorado, alumnado e avós e avoas.
Para ampliar información sobre esta iniciativa ou sobre calquera outro programa dos que desenvolve a área de Benestar social e Igualdade pódese contactar co centro municipal deste departamento en San Valentín, ben pasando por alí -Avda. do Mar B1, baixo-, ben mandándolle un correo a servizos.sociais@fene.gal ou chamando aos teléfonos 981 492 706 – 981 342 607.