Destaca que o Goberno galego leva destinado entre 2010 e 2014 máis de 1 millón de euros á Federación Galega de Atletismo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o traballo que está a realizar o Centro Galego de Tecnificación Deportiva por adecuar as súas infraestruturas ás exixencias de rendemento que require o deporte de alto nivel. Así o puxo de manifesto na presentación do proxecto de reforma das pistas de atletismo deste complexo deportivo.
O mandatario galego explicou que se trata dunha obra que recolle a reposición do pavimento sintético tanto nos distintos corredores como no anel da pista, e cuxa primeira fase xa está en execución, cun orzamento de case 70.000 euros. Afecta os corredores de lanzamento de xavelina, salto de lonxitude, salto de altura, os círculos de lanzamento de peso, a zona de lanzamento de disco e martelo, e o bordo da pista.
No que respecta á segunda fase, sinalou que se licitará na primavera de 2015 e que contará cun investimento aproximado de 435.000 euros. O proxecto, neste caso, prevé corrixir o desgaste do pavimento sintético na totalidade do anel da pista de atletismo, incluído o acceso á ría, cun prazo de execución de tres meses.
Feijóo asegurou que son obras que permitirán acondicionar estas instalacións para facilitar unha mellor preparación dos atletas que cada día adestran neste centro deportivo; e, coa vista posta nas vindeiras citas internacionais como os Xogos Olímpicos de Río 2016, dixo, son actuacións necesarias para un complexo que está en continuo proceso de adaptación ao alto nivel competitivo que leva amosado o deporte galego.
Máis deportistas bolseiros
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva, apuntou, dá cabida ao presente do deporte de alto nivel en Galicia pero, tamén, ás súas futuras promesas. De feito, segundo indicou, neste curso 2014-15 son 150 os deportistas bolseiros que adestran nas súas instalacións, fronte aos 145 da pasada tempada (entre eles, o triatleta Javier Gómez Noya, a piragüista Teresa Portela, ou a nadadora María Vilas).
Por outra banda, subliñou que as obras que se están a acometer nas pistas de atletismo deste complexo veñen reforzar unha modalidade deportiva que este curso ocupa o quinto lugar en número de bolseiros, cun total de 15 deportistas; fronte aos 27 de especialidades como o piragüismo, 25 de tríatlon, 18 de taekwondo, 16 de loita, 14 de bádminton e de natación, 12 de judo, 5 de slálom e 4 de remo.
Apoio ao atletismo galego
Trátase dunha modalidade que, segundo expuxo o presidente, conta co apoio da Xunta desde diversos niveis. En primeiro lugar, a través dos recoñecementos para Deportitas Galegos de Alto Nivel (DGAN), das que este ano se beneficiaron un total de 26 atletas, dos 337 deportistas recoñecidos na última convocatoria.
En segundo lugar, desde o ámbito federativo, promovendo o labor da Federación Galega de Atletismo, á que o Goberno galego leva destinado entre 2010 e 2014 máis de 1 millón de euros. E, en teceiro lugar, salientou que a Xunta está impulsando, tamén, o traballo dos clubs de atletismo, aos que leva destinado nestes últimos catro anos máis de 355.000 euros, e cuxa actividade incentiva ademais mediante os contratos de patrocinio, aos que leva achegado entre 2010 e 2014 unha contía superior aos 145.000 euros.
O deporte de alta competición ancorado no deporte de base
Feijóo destacou que o CGTD é o “motor do olimpismo galego”, onde se levan formado grandes referentes do noso deporte. Así, asegurou que as 11 medallas colleitadas desde as Olimpíadas de Sydney no ano 2000, dan mostra de que o éxito e as aspiracións olímpicas de Galicia están innegablemente ligadas a este centro de adestramento.
O presidente da Xunta subliñou que é, por outra banda, un centro no que convive o presente e o futuro do deporte galego de elite que está aberto ao deporte de base e ao tecido deportivo e asociativo da cidade de Pontevedra. Por iso, asegurou que as súas instalacións non só son usadas por deportistas de alto nivel, senón, tamén, de xeito gratuíto, por clubs, centros socio-comunitarios e escolas deportivas municipais, acadando unha media de 500 usuarios diarios.