A actuación comporta un investimento de 30.945,75 euros
O Concello de Riveira informa das obras para a mellora da seguridade viaria na zona escolar de Frións, na parroquia de Carreira, a través da construción dun tramo de beirarrúa de 256 metros.
Esta acción está adscrita ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) adicional 1/2015 da Deputación e recaeu na empresa Construcciones Oñial, S.L. entre as 22 ofertas presentadas á licitación. O prezo de adxudicación ascende a 30.945,75 euros, IVE incluído e o prazo de execución son dous meses.
A zona de actuación está situada na estrada provincial DP-7301, no entorno do IES Leliadoura, cuxa zona de tránsito para peóns presenta un pavimento de terra coas molestias que isto ocasiona, especialmente en época de chuvias. Por tal motivo proxéctase reordenar a zona de paso dotándoo dunha beirarrúa a base de baldosa hidráulica de 33×33 centímetros de formigón en color gris. O ancho mínimo será de 1,50 metros e a lonxitude do tramo de 256 metros.
Pluviais
Ademais, construirase unha nova rede de pluviais a través da instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiro ao longo do percorrido da beirarrúa e paralelo á mesma.