Friday 22 de November de 2024

A Secretaría xeral para o Deporte organiza unha xornada sobre a natureza voluntaria ou laboral das actividades desenvolvidas nas entidades sen ánimo de lucro


Congregou a representantes do sector deportivo galego

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a directora da EGAP, SoniaRodríguez-Campos González, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, participaron da inauguración da xornada “A natureza voluntaria ou laboral das actividades desenvolvidas nas entidades deportivas sen ánimo de lucro”, celebrada no sesión de actos da EGAP.

A xornada, organizada pola secretaría xeral para o Deporte en colaboración coa EGAP, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, tivo por obxectivo informar ao sector deportivo sobre os distintos encadramentos xurídicos das actividades desenvolvidas nas entidades deportivas sen ánimo de lucro por adestradores, técnicos, deportistas e outras figuras similares, facilitando información práctica sobre a normativa en vigor nos ámbitos laboral e de acción voluntaria, e actualizando os coñecementos dos axentes deportivos para a mellora última das súas competencias.

Durante a apertura da xornada, o secretario xeral para o Deporte subliñou a consubstancial voluntariedade do feito deportivo, “algo recoñecido na normativa deportiva de Galicia, pero tamén no propio ámbito da Unión Europea, como apunta o art. 165 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea”, recordou Lete Lasa.

Así mesmo, o responsable de Deportes da Xunta de Galicia apuntou a evidenteobrigatoriedade das normativas laboral e de acción voluntaria vixentes, se ben avogou por estudar posibles encadramentos na Seguridade Social que veñan a reflectir as especiais características do deporte, “sempre, claro está, no obxectivo de cumprir as normas pero sen desnaturalizar os especiais condicionamentos do deporte”.

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado indicou que a promoción do voluntariado no ámbito deportivo é un dos obxectivos específicos a desenvolver como liña estratéxica no III Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014 da Consellería de Traballo e Benestar.

No caso das entidades e clubs deportivos de mediano e pequeno tamaño a participación voluntaria dos seus asociados ou colaboradores supón un dos piares básicos para poder desenvolver as súas actividades. Polo tanto, estase ante un marco normativo e de acción institucional que ampara, promove e regula accións cotiás que nos clubs desenvolven de facto persoas voluntarias.

O club deportivo pode incluírse no Rexistro de entidades de acción voluntaria, o que lle proporciona tanto ao club como aos colaboradores voluntarios a seguridade xurídica necesaria no marco da Lei de Acción Voluntaria de Galicia de 2011.

Coa súa posta en marcha, Galicia foi a primeira administración autonómica que posibilita que os voluntarios obteñan unha certificación oficial das experiencias adquiridas durante todo o proceso de voluntariado, que poderán incorporar posteriormente ao seu currículo. Nos case 7 meses que leva en vigor o rexistro, foron xa incorporadas á súa base de datos máis de 1.000 experiencias voluntarias.

Participaron dos relatorios e da mesa redonda celebrada, representantes dos departamentos da Xunta de Galicia organizadores da xornada, así como Inspectores de Traballo e da Seguridade Social, avogados laboralistas e representantes da Tesourería Xeral da Seguridade Social.