Celebrouse unha recepción oficial na que se fixo entrega de placas conmemorativas e se recoñeceu o esforzo éxito alcanzado polos seus integrantes ao longo de todo o ano
O Concello de Ordes ofreceu unha recepción oficial aos integrantes do club ordense de taekwondo Boudsport, no cal se recoñeceu a traxectoria e abraiante palmarés alcanzado esta tempada.
Tanto o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, como as edís de Educación e Medio Ambiente, Susana García e Ana Soneira respectivamente, felicitaron e recoñeceron o gran labor e esforzo levado a cabo tanto pola directiva, encabezada por Cristobo Boudjenave, como polos adestradores, preparadores e os 90 membros que forman parte das distintas categorías do club. Este ano o Boudsport tivo presenza en 6 campionatos e ámbito nacional e 13 autonómicos, nos que en total acadaron 40 medallas de outro, 25 de prata e 46 de bronce.
Entre os asistentes ao acto non faltou a subcampioa sénior nacional Tania Gándara, así como outras figuras destacadas. Un lugar preferente ocupou tamén a Asociación Deportiva de Taekwondistas da Comarca de Ordes, creada por iniciativa de nais e pais da rapazada, mozos e mozas que forman parte do club para difundir e apoiar este deporte e a súa práctica na zona.
Entre outros símbolos e agasallos o alacalde de Ordes fixo entrega de placas conmemorativas en sinal de agradecemento por “pasear con honra o nome de Ordes por todos os lugares e citas deportivas nas que participan” tanto para o club como para a dita asociación.