Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Frades aproba por unanimidade bonificar o 95% do IBI a 193 explotacións agrarias ou gandeiras do municipio


O alcalde Roberto Rey defende que “somos dos poucos municipios de Galicia que tramitou esta bonificación, pola que o Concello deixará de ingresar case 19.000 euros, que quedarán nos petos dun sector moi castigado pola crise e os baixos prezos do leite”

O Concello de Frades celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria para aprobar as solicitudes daqueles veciños e veciñas que pediron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por ser inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Un total de 193 solicitudes que afectan a 218 referencias catastrais e que foron aprobadas co voto unánime do pleno.

O alcalde, Roberto Rey Martínez, explicou que “estas 193 solicitudes teñen un valor catastral de 6.566.284,85 euros, polo que tiñan que abonar 19.698,85 euros de IBI. Grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Frades deixará de ingresar 18.713,91 euros, que quedarán nos petos duns veciños e dun sector moi castigado pola crise e polos baixos prezos do leite”. O alcalde lembrou que Frades é “dos poucos municipios de Galicia que tramitou e aplicou esta bonificación”.

Roberto Rey indicou que “abrimos o prazo de presentación de solicitudes en setembro e ampliamos o prazo ata o pasado martes 27 de decembro, pero teño que dicir que hoxe mesmo entrou documentación”. De feito, das 193 solicitudes aprobadas hoxe, “hai unha condicionada á entrega dunha copia dun testamento no prazo de dez días e outras dúas entraron minutos antes de celebrarse esta sesión plenaria”, explicou Rey Martínez. Neste sentido, o alcalde explicou que as solicitudes non aceptadas debíanse na súa maioría a que non había inmoble na parcela, aínda que tamén houbo casos nos que non estaban inscritos no REGA (Rexistro de Explotacións Gandeiras) ou mantiñan débedas coa Seguridade Social.

O alcalde de Frades lembrou que a bonificación tamén poderá volver a solicitarse no 2017, para a cal abrirase o prazo xa o propio mes de xaneiro. A fin de axilizar os trámites, o Concello de Frades seguirá mantendo o servizo de asesoramento gratuíto e buscará o xeito para aqueles que xa presentaron a documentación en 2016 non teñan que volvelo a facer en 2017 e baste con cumplimentar unha declaración xurada de que a situación non variou.

O voceiro do BNG, Xosé María Pérez, apoiu a proposta da Alcaldía, se ben botou en falla que beneficiase tamén a aquelas explotacións que están sen actividade e lamentou que o Goberno “machaque ao sector con impostos”. O alcalde Roberto Rey lembroulle que “desde o Concello fixemos todo o posible, dentro das nosas competencias, para que os nosos agricultores, gandeiros e gandeiras puideran obter a máxima bonificación posible no IBI das súas explotacións, ademais de reducir o tipo de gravame para os inmobles de natureza urbana, que pasou do 0,6% AO 0,45%”. Ademais, indicoulle que as bonificacións deste tipo só son aplicables á actividade, polo que as granxas abandonadas non poden ser obxecto da mesma.