Friday 22 de November de 2024

O concello activa o novo programa Emerxe para prestar apoio especializado a familias en risco de exclusión con menores a cargo


O Concello de Riveira aprobou en xunta de goberno local un novo programa impulsado dende a área de Servizos Sociais coa intención de ofrecer un apoio especializado a familias en risco de exclusión social que teñen menores a cargo.

A través desta iniciativa, titulada Emerxe, cada familia obxecto de atención terán un seguimento particular por medio dun educador social titulado que a apoie e acompañe, tanto dentro dos domicilios respectivos como fóra deles, executando traballos individuais e de grupo en aras a obter as competencias e habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.

Así e logo, como funcións específicas os educadores porán a disposición das familias participantes alternativas, información, recursos e itinerarios socioeducativos en relación coas posibilidades dos seu entorno; favorecerán a integración, promoción e participación social das familias ou unidades de convivencia; previrán e atenderán as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou grupos de convivencia alternativa e promoverán espazos de encontro de nais e pais enfocados á mellora das capacidades educativas.

Para poder levar a cabo este programa, o Concello contará coa asistencia consultora familiar denominada O Compás do Barbanza. O plan desenvolverase ao longo dos próximos cinco meses.

A execución do programa conta cunha achega da Consellería de Política Social (Dirección Xeral de Inclusión Social) enmarcada nunha orde de 4 de xullo de 2016 e que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e polo Fondo Social Europeo.