Riveira vai dar cabida por primeira vez un curso de monitor de fútbol base organizado pola federación galega.
Terá lugar no mes de febreiro e para falar del participaron na presentación o alcalde Manuel Ruiz, o director da Escola Galega de Adestradores –entidade pertencente á Federación Galega de Fútbol-, Manuel Mosquera; o responsable do curso, Yago Iglesias; e Juan Fungueiriño como presidente do Atlético Riveira, que foi o promotor da iniciativa.
65 horas
O curso desenvolverase no Centro Cultural Lustres Rivas a partir do 3 de febreiro os luns e os xoves ata un total de 65 horas lectivas. A partir de mañá abrirase o prazo de inscrición na web da Federación Galega de Fútbol (http://www.futgal.es/pnfg/).
Manuel Mosquera destacou que supón un honor poder celebrar este curso nunha comarca que sempre foi por diante na formación e incidiu na importancia de emprender este tipo de accións para que os rapaces reciban unha óptima aprendizaxe. Así mesmo, lembrou que todos os equipos deben ter alomenos un adestrador con esta titulación mínima.
Pola súa parte, Manuel Ruiz salientou o feito de poder ofrecer na nosa cidade unha formación axeitada a aqueles que á súa vez están interesados en dedicarse á formación do fútbol base.