Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia para as preto de 19.000 familias numerosas de galicia descontos engadidos de entre un 20 e un 50% no uso do transporte metropolitano


O sistema realizará unha recarga na tarxeta pola contía da bonificación con tan só introducila no caixeiro automático

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación do acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Traballo e Benestar para a aplicación de descontos a familias numerosas no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia. Esta iniciativa permitirá a preto de 19.000 familias numerosas da Comunidade beneficiarse de descontos de entre un 20% e un 50% -en función de se son familia numerosa xeral ou específica- no uso do transporte metropolitano.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que a contía de bonificación se suma ás bonificacións que xa poden obter coa tarxeta de transporte metropolitano, que calquera cidadán en Galicia posúe ou pode posuír. Así, o sistema de bonificación será o mesmo que o que se aplica á bonificación por recorrencia para os usuarios que superan as 40 viaxes ao mes, aos que se lle engade ese 20% e ese 50% a esa bonificación. Nese sentido, as viaxes realizadas nun mes polos membros de familias numerosas serán contabilizadas e procesadas, e o sistema realizará nunha recarga na tarxeta pola contía da bonificación con tan só introducila no caixeiro automático.

Así mesmo, cómpre subliñar que estas bonificación por familia numerosa son compatibles con outros descontos do programa tarifario, coa única limitación de que o importe total das bonificacións non poida superar o importe total da viaxe.

As familias numerosas que empreguen habitualmente o transporte metropolitano sumarán, pois, un aforro engadido de entre o 20 e o 50% á media de aforro anual que xa ten un usuario frecuente do transporte público, que é de entre 300 ata 1.000 euros, dependendo da orixe e destino dos seus desprazamentos.

O titular do Goberno galego precisou que para dar coñecemento desta medida, a Consellería de Traballo e Benestar remitirá, nos vindeiros días, unha carta a todas as familias numerosas rexistradas na Comunidade das áreas nas que esta iniciativa está operativa, para informalas destas vantaxes. O requisito que deberán cumprir é similar aos que se lles exixe os usuarios xerais do plan: dispor dunha tarxeta do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e, especificamente, darse de alta telematicamente na aplicación social para familias numerosas da Dirección Xeral de Familia, de xeito que a Dirección xeral de Mobilidade conte cos datos dos usuarios que deben percibir estas bonificacións.

Plan de transporte metropolitano de Galicia
Durante a rolda de prensa, Feijóo lembrou que o Plan de transporte metropolitano de Galicia comezou a súa andadura no ano 2011 e, actualmente, está implantando nas áreas da Coruña, de Santiago, de Ferrol e de Lugo. Asegurou que as cifras demostran que o transporte metropolitano é un éxito xa que se teñen rexistrado un millón de viaxes ao mes no conxunto destas catro áreas.

Así mesmo, avanzou que o próximo Orzamento do ano 2015 prevé un incremento de máis do 42% das bonificacións para o transporte metropolitano, “dado que prevemos a súa implantación, de forma inmediata, na cidade de Vigo e, tamén se é posible seguir implantando nas dúas cidades que quedarían: Ourense e Pontevedra”, concluíu.