O goberno local de Cambre esixe á Consellería de Sanidade que mellore a atención no servizo de Urxencias do PAC de Cambre tras as denuncias dos pacientes dos municipios de Cambre e Carral.
A concelleira de Sanidade, María Vázquez, sinala que recentemente unha paciente tivo que esperar nunha padiola durante case dúas horas, con calmantes, ante a ausencia inesperada do único médico de garda do que dispón o ambulatorio. Vázquez púxose en contacto coa responsable do centro médico e constatou que só se dispón dun facultativo durante as gardas a pesar de que este ambulatorio dá cobertura sanitaria a dúas concellos cunha poboación estimada de 30.000 persoas.
Sinalan que durante o servizo de Urxencias nocturno tan só queda un médico para atender aos pacientes, pero no caso de que teña que saír a cubrir un servizo externo os pacientes ven obrigados a esperar a que regrese coas consecuencias nefastas que isto pode carrexar.
Varios pacientes alertaron ao Concello que desde hai semanas prodúcense longas esperas no centro de Urxencias debido a que o médico de garda vese obrigado a ausentarse do centro de saúde a cubrir un servizo fose do mesmo.
O goberno local pide ao Sergas que destine máis persoal para Urxencias debido á situación que está a provocar malestar entre os pacientes, xa que moitos deles optan por trasladarse ao CHUAC ante a espera prolongada no ambulatorio, cos prexuízos que provoca este desprazamento.