Carlos García considera “unha falta de respecto” que o Concello fale de baixada dos ingresos cando “os veciños están pagando moito máis polo IBI” e “non hai ningún plan para facer retornar eses cartos á veciñanza”
O PSOE de Tordoia abstívose na votación dos Orzamentos Municipais para 2017 en protesta pola excesiva suba de impostos que o Goberno do Partido Popular impuxo á veciñanza e porque eses ingresos adicionais non se contemplan nas Contas. Uns orzamentos que ascenden a 2.420.000 euros e que foron aprobados onte mércores nun pleno extraordinario con este único punto na orde do día.
O voceiro municipal socialista, Carlos García, explica que “abstivémonos na votación pois, despois da tremenda suba de impostos que sufriron este ano os veciños e veciñas de Tordoia, notamos en falta eses cartos nestes orzamentos”. De feito, o Goberno municipal mesmo chegou a asegurar no pleno que os ingresos previstos para 2017 reduciranse en 791.310,59 euros con respecto ao 2016.
Carlos García preguntouse “como é posible que se reduzan os ingresos cando coa brutal suba do IBI hai veciños pasaron de pagar 97 euros a 1.200 euros e cando a Deputación vai sufragar os intereses da débeda do Concello a través dun plan especial. A onde van parar eses cartos? Porque nestes orzamentos non se inclúe ningún plan especial para facer retornar ese diñeiro á veciñanza”.
O socialista considera “unha falta de respecto que o alcalde e o PP falen de baixada de ingresos porque entón deberían explicar a onde vai parar ese diñeiro. A pagar o formigón da anterior campaña electoral? Porque onde si apreciamos unha suba con respecto a 2016 é no capítulo de gastos correntes”. García lamenta “que non se mencione nada dese diñeiro”, sobre todo cando estamos vendo que todos os Concellos que están aprobando os seus Orzamentos recoñecen unha suba dos ingresos pola maior recadación do IBI.
Así mesmo, o voceiro municipal socialista lembrou que “as cousas non son como di o alcalde, que asegura que antes os veciños pagaban de menos e por iso tiveron esa subida de impostos. Os veciños pagaban o que lles poñía o recibo e se alguén non actualizou ese IBI foi precisamente o señor alcalde e o Partido Popular de Tordoia, máis centrado en colocar farolas en vivendas privadas e regalar formigón en campaña electoral”.