O ente provincial tamén aprobou no último pleno o convenio para as obras de urbanización do camiño do Enxerto
A empresa Leonardo Miguélez S.L. será a encargada de construír as dúas sendas peonís que a Deputación da Coruña sacou a contratación o pasado mes de novembro. Así o acordou a mesa de contratación do ente provincial despois de avaliar 53 ofertas das que alomenos 6 foron desbotadas por incorrer nunha baixa temeraria inxustificada. A firma que resultou adxudicataria executará as obras por un importe lixeiramente superior aos 125.000 euros. Delas beneficiaranse o núcleo de Silvalonga e e o eixo principal de Santa Mariña, sumando en total 1.090 metros de novas beiravías. A construción destas infraestruturas responde a peticións veciñais que o Concello xa lle trasladara ao ente provincial en forma de proxecto hai catro anos e que agora se materializará a través do seu programa anual de sendas peonís.
A inclusión das obras no programa de sendas da Deputación aprobouse no pleno provincial do pasado 29 de xullo e o procedemento de contratación dos traballos iniciouse no mes de novembro cun prezo de licitación de 197.119,21 euros que, trala análise das ofertas, quedaron reducidos a 125.150,3€. Esa é a contía que propuxo Leonardo Miguélez S.L. e coa que, finalmente, se fixo co contrato.
A obra está proxectada en dous tramos: o primeiro, de 230 metros, discorrerá pola marxe dereita da DP-7603 no núcleo de Silvalonga, mentres que o segundo, de 860 metros, arrancará no lugar da Pena e seguirá polo mesmo lado e sen interrupción ata ben pasado o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.
En ambos casos deseñouse unha beiravía de 2 metros de ancho en terreos que a Deputación xa tiña expropiados de cando se ampliara a estrada. As obras levarán aparelladas, ademais, a canalización de pluviais, tubaxes de drenaxe, nova sinalización e, nalgúns tramos, tamén varandas metálicas e nova sinalización.
As sendas peonís para Silvalonga e Santa Mariña son dúas aspiracións municipais que veñen de tempo atrás. Por iren paralelas a unha vía provincial xa en 2012 o goberno local lle presentara o proxecto ao daquela presidente da Deputación, Diego Calvo, sen que se acadase ningún compromiso de execución, malia tratarse dunha reivindicación veciñal reiterada nas asembleas dos orzamentos participativos.
Hai pouco máis dun ano, en novembro de 2015, o Concello aproveitou a visita do actual responsable de Infraestruturas viarias da deputación, José Manuel Pequeño, para volver tratar a cuestión destas dúas obras que, finalmente, se concretaron no contrato adxudicado esta mañá.
Estas dúas sendas peonís sumaranse ás executadas durante este ano polo Concello. No verán construíronse 600 metros de beiravías no núcleo principal de Bardaos e a principios do outono finalizou a construción doutro medio quilómetro en Naraío, entre o lugar do Eirexado e a ponte da Ferraría.
Urbanización do camiño do Enxerto
En relación coa rede viaria cómpre apuntar tamén que o pleno provincial do pasado venres lle deu o visto e prace ao convenio co Concello de San Sadurniño para a execución das obras de urbanización do camiño do Enxerto.
Trátase dunha intervención cuantificada en máis de 125.000 euros co obxectivo de aglomerar e dotar de beirarrúas ao longo dos 900 metros deste eixo que une a capela do Belén coa AC-862.
Os traballos financiaranse nun 80% con fondos xestionados pola Deputación da Coruña.