Friday 22 de November de 2024

O goberno local aproba unha obra de mellora da accesibilidade en casa Arrigada


Instalarase un ascensor na casa modernista e adaptaranse os aseos do edificio para persoas con mobilidade reducida
O goberno local de Cambre aprobou en xunta ordinaria a obra de mellora da accesibilidade na Casa Arrigada co fin de adaptala ás necesidades de persoas con mobilidade reducida. Trátase da instalación dun ascensor que conecte as tres plantas deste edificio protexido e de ampliar o espazo e de adaptar os aseos da casa para persoas con mobilidade reducida.

A maior parte da obra está subvencionada pola Consellería de Política Social cun importe de 40.621 euros, aínda que o custo total da adxudicación ascende a 50.094 euros. O importe concedido estará enmarcado nas axudas dos fondos Feder, no programa operativo Galicia 2014-2020 nunha porcentaxe do 80 %.

A obra foi adxudicada á empresa Construcións Navila S.L. por un importe de 50.094,00 euros (IVE incluído) polo que as obras comezarán o día 30 de decembro e teñen un prazo de execución tres meses.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, destaca que a adaptación deste espazo para persoas con mobilidade reducida era imprescindible para poder levar a cabo o cambio de uso que pretende aprobar no pleno ordinario de mañá mércores. “Cremos na necesidade de ampliar a OMIX e a Casa dá Arrigada é un espazo infrautilizado que pode ser perfectamente a casa dos mozos cambreses, pero para iso é necesario que non haxa barreiras arquitectónicas neste tesouro arquitectónico”, apuntou.