Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina na provincia máis de 1.230.000 euros, a través do programa Aprol Rural, á contratación de desempregados que adquiren formación mentres reforzan o labor dos concellos


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou onte, xunto ca alcaldesa, María Beatriz Molinos, o concello de Outes, onde coñeceu aos cinco beneficiarios deste programa de promoción do emprego
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o concello de Outes, onde foi recibido pola alcaldesa da localidade, María Beatriz Molinos Vidal. Ambos os dous tiveron oportunidade de saudar e conversar cos beneficiarios do programa Aprol Rural, desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Aprol Rural é unha iniciativa orientada aos municipios de poboación inferior a 10.000 habitantes, da que se teñen beneficiado 53 concellos da provincia da Coruña mediante a contratación a tempo completo de 199 desempregados. A Xunta de Galicia destinou aos concellos coruñeses 1.230.057 euros para a realización destes contratos. No caso concreto de Outes, o concello ten contratados a cinco traballadores grazas a unha axuda de 30.000 euros. A contía das axudas que perciben os concellos equivale ao 80% dos custos salariais totais, incluída a cotización á Seguridade Social, segundo o convenio colectivo vixente.

O delegado explicou que a adxudicación realizouse garantindo un mínimo de dous contratos a cada concello solicitante, adxudicándose o resto en proporción inversa á poboación ata un máximo de cinco. O obxectivo fundamental deste programa, sinalou Rodeiro, “é mellorar o acceso ao emprego a través da adquisición de experiencia profesional nas zonas de menor poboación e con menos oportunidades laborais, co fin último de fixar poboación no medio rural”. Lembrou que en total en Galicia beneficiáronse 900 persoas desempregadas de 250 municipios, cun investimento global de 6,9 millóns de euros.

Os 53 concellos beneficiarios contrataron, entre outro persoal, peóns para as brigadas de obras, peóns forestais para a conservación de espazos naturais; albaneis e peóns de albanelaría, auxiliares administrativos, xardineiros, condutores, conserxes, electricistas, limpadores, mecánicos ou arquitectos, ata sumar máis dunha trintena de categorías profesionais.

Cabe subliñar que o perfil profesional dos contratos era totalmente libre, á opción dos concellos en virtude das súas necesidades. “A Xunta asume que deben ser os concellos os que xestionen as axudas segundo as súas necesidades e contraten ao persoal que estimen preciso, para adecuar o investimento á realidade do mercado de traballo local”, asegurou Ovidio Rodeiro.

O programa Aprol Rural intenta ser un primeiro paso para que as persoas desempregadas adquiran experiencia profesional cara á integración no mercado de traballo, como parte das diversas convocatorias que realiza ao longo do ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Durante a visita, o delegado territorial da Xunta na Coruña e a alcaldesa de Outes aproveitaron para repasar outras intervencións levadas a cabo pola Xunta de Galicia no concello e para comentar algunhas das necesidades da localidade de cara a futuras actuacións.