Trátase dun itinerario de máis de 1,5 km pola marxe esquerda da estrada que une A Coruña e Cee (AC-552), que dará continuidade ás beirarrúas entre Paiosaco e A Laracha, comunicando as zonas dos principais equipamentos
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde da Laracha, José Manuel López, ao que lle trasladou que a Xunta iniciará o mércores a contratación das obras da senda entre A Laracha e Paiosaco, coa publicación da súa licitación no Diario Oficial de Galicia (DOG), para comezalas antes do verán e rematalas no 2017.
O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, realizará un investimento de máis de 700.000 euros para levar a cabo a execución deste itinerario nun prazo duns 6 meses.
Trátase dun itinerario peonil e ciclista, de máis de 1,5 km de lonxitude, proxectado pola marxe esquerda da estrada que une A Coruña e Cee (AC-552), que dará continuidade ás beirarrúas xa existentes entre os núcleos de Paiosaco e A Laracha, comunicando as zonas dos principais equipamentos.
Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Bergantiños, onde para o Concello da Laracha se contemplan dous itinerarios para que os veciños realicen os seus desprazamentos cotiáns de forma cómoda e segura. Son dúas sendas que se van construír na marxe da estrada AC-552, a que vai da Coruña a Cee: unha delas entre A Laracha e Paiosaco e a outra entre A Laracha e O Cancelo.
A conselleira explicou que o seu departamento tamén está traballando no proxecto desta segunda senda entre A Laracha e O Cancelo, un itinerario de case 2 quilómetros ao que se destinará preto dun millón de euros. Concretou que actualmente está en supervisión co obxectivo de licitar as obras na primeira metade de 2017.
A Xunta, a través destes proxectos, traballa na busca de beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.