Volei, fútbol sala, baile moderno, hip-hop, ximnasia rítmica, bicicleta, judo, baloncesto, xogos tradicionais e predeportivos, béibol… esas son as propostas coas que o Concello lle encherá á rapazada as mañás desta última semana de 2016. O Nadal deportivo -un clásico na programación municipal destas datas- son unha serie de obradoiros de lecer e actividade física aberta a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Desenvolverase ata o venres no pavillón municipal e máis no ximnasio do CPI.
O Nadal deportivo está deseñado para que a cativería poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de varias actividades físicas co obxectivo de que aprendan e compartan un tempo de lecer durante cinco días das súas vacacións.
Hoxe tiveron sesións de baile e bicicleta e mañá marte tocaralle ao fútbol sala e maila ximnasia rítmica. O mércores será a quenda dos xogos tradicionais e, na segunda parte da mañá, do volei. O xoves de 10 a 12 haberá xogos predeportivos e despois baloncesto. Por último, o venres, a rapazada poderá practicar judo e iniciarse no béisbol.
Na organización destes obradoiros colaboran o Club FS San Sadurniño, o Aldebarán, o Club Brío e o Biela e Chaveta.