A primeira edición do Festival de Maxia de Brión reunirá este mércores e xoves en Brión aos magos Cayetano Lledón e Martín Camiña. Dúas actuacións dirixidas a un público familiar e que terán lugar no auditorio do centro social polivalente, a partir das 18:00 horas. Entrada libre e de balde.
O I Festival de Maxia, a gran novidade do Programa de Nadal do Concello de Brión, abrirá as súas portas este mércores 28 de decembro co espectáculo “Lafayette Show”, do mago Cayetano Lledó. Un espectáculo no que o mago François Lafayette, personaxe interpretada por Lledó, interpreta á súa vez diversas personaxes para compoñer unha gala de variedades interpretadas por el mesmo. Para elo fusiona maxia e teatro con todo tipo de arte que poida seren realizada no escenario.
E o xoves 29 de decembro chegará o “Feitizo” do ilusionista Martín Camiña. “Feitizo” é un espectáculo que mestura maxia, humor e participación do público, percorrendo distintos estilos nas artes da ilusión. Manipulación de cartas, panos, xornais, billetes, cordas… serán algúns dos ingredientes deste “Feitizo”, que estarán recubertos pola música e as palabras de Martín Camiña.